Neste Sermos nº70 falamos da Compostela 'marbellizada' polo PP

Un PP con 10 imputados goberna a capital de Galiza coa permisividade de Núñez Feijóo. Como nos mellores tempos da Marbella de Gil y Gil. E neste número 70, xa disponíbel na loxa, tamén falamos de orzamentos, de biomasa, da folga no ensino ou do Teatro da Semente. 

Capa_SG70

Cunha equipa de goberno (do PP) onde 10 dos 13 integrantes teñen unha causa xudicial pendente, Compostela semella a Marbella dos tempos de Jesús Gil. Neste número 70 de Sermos Galiza falamos con plataformas veciñais e coa oposición política, que coinciden na palabra que resume a situación municipal: “Unha vergoña”.

En 'Razóns para unha folga no ensino' damos voz a seis persoas (alumnos, profesores, pais,...) para debullar o por que ao rexeitamento tan amplo á LOMCE. E tamén analizamos os anti-orzamentos do goberno de Núñez Feijóo, así como examinamos o que deu de si o primeiro ano de lexislatura

“Abren a billa para cobrar polo que sexa”

Entrevistamos a Federico Gutiérrez, alcalde de Riotorto, cabeza visíbel do movemento de insubmisión local contra o repagamento de fármacos hospitalarios para doentes crónicos. “Abren a billa para cobrar polo que sexa. Pouco importan os criterios éticos”, afirma. Non é a única entrevista que vai neste número. Falamos con Margarida Ledo Andión, así como con Alberto Fernández Taboada, horticultor ecolóxico. E tamén con Blair Jenkis, responsábel da campaña 'Yes Scotland', que confesa. “a independencia de Escocia é un proceso fascinante”.

Neste semanario tamén debatemos sobre a biomasa, enerxía renovábel ou negocio para as eléctricas?, así como nos mergullamos nos limiares do 'Castañazo Rock' de Chantada, Paseamos por un Ferrol 'okupado' polo Ministerio español de Defensa ou deixámonos levar pola proposta de Teatro da Semente. E na sección de 'Viaxes na miña Terra' imos até Ouvigo, entre A Limia e O Xurés, e onde está a máis antiga igrexa de Galiza.

E, como non, as seccións de libros, teatro, música, opinión... Todo isto e moito máis desde esta quinta feira no teu quiosque.


 

Comentarios