Negreira ignora ás vítimas das preferentes e péchalles as portas do concello da Coruña

Un grupo de afectad@s polo timo bancario intentaron acceder ao pazo de María Pita, tomado pola policía. Querían que os atendese o alcalde, que marchou en coche un pouco antes de que chegaran.

preferentes coruña
photo_camera preferentes coruña

As portas do concello da Coruña viviron outro episodio na continua mobilización d@s afectad@s pola estafa das preferentes e subordinadas, que pediron ser atendidos polo alcalde, Carlos Negreira do PP, se ben este os ignorou dado que abandonou a sede municipal pouco antes de a manifestación chegar ao pazo de María Pita.

Porén, as ordes do goberno municipal foron pouco flexíbeis coa protesta, posto que unha poboada barreira de policías locais e estatais impediron en todo momento que, como era a súa intención, @s afectad@s accedesen ao interior do edificio.

A Plataforma coruñesa critica que o PP votase en contra da ampliación do prazo para recorrer á arbitraxe, en contra do que os seus representantes lles prometen en privado. Ademais, aseguran temer que a venta de Novagalicia Banco impida definitivamente a recuperación dos seus aforros.

Pola súa parte, en Ferrol un grupo de preferentistas foi expulsado do concello por orde do rexedor do PP, o que provocou o abandono do Pleno por parte de BNG, EU e PSOE. @s manifestantes cualificaron de “ditador” ao alcalde.

Comentarios