Néganlle a arbitraxe completa a quen foi timad@ polas preferentes en máis dunha conta corrente

O discutido sistema de arbitraxe posto en marcha polo Goberno estatal condena centos de persoas ao permitir unha única reclamación por persoa malia que moitas das estafadas teñen os aforros repartidos entre varias contas correntes.
Preferentes
photo_camera Preferentes

“Unha persoa, unha conta corrente”. Ese é o lema que semella guiar o enésimo e dramático capítulo da gran estafa bancaria que atinxe unhas 80.000 persoas en Galiza, condenadas a perderen boa parte dos seus aforros por investiren baixo engano nas participacións preferentes das antigas caixas [o Consello de Ministr@s ten previsto aprobar esta sexta feira 15 de Marzo unha quita de arredor do 40 por cento]. Milleiros d@s afectad@s recorren agora á arbitraxe coa esperanza de que lles restitúan os seus cartos, mais segundo diversas informacións moit@s deles e delas atópanse coa ingrata sorpresa de o mecanismo formalizado polo Estado só recoñecer unha conta corrente por vítima do calote, polo que aqueles que repartiron os seus aforros en varias ven definitivamente perdido -a palabra correcta sería roubado- o diñeiro dos outros depósitos.

Fontes de Adicae (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros) e da Plataforma de Afectad@s de Vigo confirman a quita da quita que supón só proceder á arbitraxe sobre unha conta e non sobre a totalidade dos aforros ingresados en preferentes. “Sabemos de xente que acudiu á arbitraxe, mais tiñan repartido o diñeiro en varias cartillas e só puideron recuperar o relativo a unha, perdendo o resto”, sinalan dende a Plataforma. Segundo diversos cálculos, esta situación puido afectar polo de agora a arredor do cinco por cento dos milleiros de aforradores que acudiron á arbitraxe e lograron recuperar as cantidades investidas. Que non son moit@s porque a maioría d@s que utilizaron este mecanismo non obtiveron ningún tipo de resultado positivo.

Podes atopar toda a información relativa a este asunto no número 39 do noso semanario, xa disponíbel nos quiosques do país.

Comentarios