O plan de Navantia non convence o naval de Ferrol, que intensificará as mobilizacións

Centos de operarios e cidadáns tomaron parte na asemblea aberta na Praza de Armas onde se cualificou o plan de reestruturación de Navantia de ''surrealista''. Manterán a loita porque, apuntan, está en xogo o futuro de toda unha comarca.

Ferrol naval
photo_camera Foto: @galizacig

Centos de operarios do naval e de cidadáns de Ferrol asistiron esta mañá á asemblea aberta realizada na Praza de Armas de Ferrol, diante do Concello onde medio cento de traballadores manteñen un peche desde o domingo para exixir solucións para o sector e para a comarca. Unha asemblea que ten lugar apenas horas despois de que o último buque, un LHD para armada australiana, abandonase os estaleiros e sitúe a 600 traballadores das auxiliares no gume de ir á rúa.

“Sabemos facer barcos. E facémolos moi ben. Iso é o que queremos seguir facendo. E hai qun parece interesado en non deixarnos”

Na asemblea, representantes dos diferentes sindicatos explicaron e debullaron algúns dos aspectos que Navantia adiantou na xuntanza de inter-centros sobre o seu plan de reestruturación. Se ben a dirección afirma que non vai haber despedimentos, non hai nin un só compromiso de traer traballo para Ferrol e Fene. E iso implica a fin das industrias auxiliares como comezo.

“Incompetentes”

Para os sindicalistas este plan é unha mostra da “incompetencia” e “inoperancia” da dirección da compañía. Mais tamén denunciaron que os gobernos da Xunta e de Madrid son cómplices. Manuel Grandal, da CIG, lembra as promesas públicas reiteradas unha e outra vez polo PP do dique flotante ou as promesas do flotel de Pemex. Palabras das que non fica nada.

Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa, xa anunciou que as mobilizacións e protestas van seguir “ata que teñamos carga de traballo”. Por iso, “non imos cesar de lle exixir o PP, que é quen goberna, que faga algo”.

Grandal reiterou que en Ferrol “sabemos facer barcos” e afirmou que o único que está a pedir esta comarca é que se lles deixe construír buques e acceder á construción civil.

Nas diferentes intervencións ficou claro que a defensa do naval é a defensa do presente e futuro para a comarca de Ferrolterra, devastada por un nivel de desemprego por riba do 30% e coa xente nova a emigrar ante a falla de perspectivas. 

Comentarios