Unha nai denuncia o secuestro das fillas por parte da súa ex-parella

Mari Luz leva un mes sen saber nada das crianzas, de 7 e 14 anos, a quen o seu ex-compañeiro tería levado canda el para Londres. Denuncia máis unha forma de violencia machista


Coa faciana oculta detrás dunha máscara e cun pano tapándolle a cabeza, Mari Luz compareceu esta segunda feira en rolda de imprensa acompañada de activistas da asociación Ve-la Luz e do avogado José Manuel Segura para denunciar o secuestro das súas fillas de 7 e 14 anos por parte do seu compañeiro sentimental, con quen conviviu durante 17 anos e contra quen presentou unha denuncia por violencia machista, no concreto, por malos tratos psicolóxicos continuados.

"Hai máis dun mes que non vexo as miñas fillas", denunciou Mari Luz, veciña de Sada, quen informou de que nese tempo unicamente puido falar dúas veces con elas. O seu compañeiro aseguroulle que as levara canda el ao Londres e ela está convencida de que é máis unha forma de maltrato psicolóxico que só procura "vinganza". 

"Amistosamente intentaron amañar a situación, mais el optou por irse coas crianzas", informou o avogado, e Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz, acrecentou que o secuestro das pequenas se produciu cando a muller comunicou a súa intención de se separar. O letrado insistiu en que "a xustiza vai moi lenta", que a denuncia pola desaparición das menores, presentada o 8 de setembro, non entrou en rexistro até o día 13. Así as cousas, concluíu que Mari Luz segue a agardar unha chamada do xulgado de instrución nº3 de Betanzos "para prestar declaración e achegar probas".

Comentarios