Nace Irmandade.tv, unha canle para "democratizar a información"

Un espazo web a través do que difundir programas agregados. Ese é o obxectivo de Irmandade.tv. Un proxecto encamiñado a "dar voz ao nacionalismo" e permitir á sociedade "extraer as súas propias conclusións"

Irmandade.tv
photo_camera Irmandade.tv

Explorar novos soportes para botar a andar proxectos alternativos. Así nace Irmandade.tv. Unha canle de televisión online que está a piques de comezar a súa emisión e que vén de gravar o seu primeiro programa: O debate

Aurélio Lopes é un dos promotores deste proxecto. En conversa con Sermos Galiza recoñece que a idea xurdiu "como algo informal", entre "un par de cervexas" mais que logo foi collendo forma. "Unha das compañeiras, Lucía estivo traballando en Holanda, nunha televisión cooperativa" polo que aseguran "sería interesante beber deste tipo de modelos" e aproveitar as experiencias tiradas doutras iniciativas. 

"Vimos algún proxecto de televisión online feita noutros territorios e pensamos, isto podemos facelo no país!". 

"Queremos democratizar a información e que a xente poida extraer as súas propias conclusións"

Dar voz ao nacionalismo explorando novos formatos

Así, comezaron a gravar O debate. Un espazo que procura combinar a reflexión e a contraposición de ideas en aras de que "a sociedade poida extraer as súas propias conclusións", salienta Aurélio. Irmandade.tv ten entre os seus obxectivos "democratizar a información" facéndoa accesíbel a tod@s a través da rede e contrapor unha visión distinta ao que nos teñen acostumad@s as convencionais tertulias. 

"A liña editorial é claramente soberanista e de esquerdas", indica. "Queremos dar voz ao nacionalismo" a través da xeración dun espazo de debate entre "aquela xente que poida achegar a súa visión" en relación con moitos dos conflitos que actualmente atopamos na Galiza. Para iso "fomos reuníndonos con diversos colectivos" e finalmente decidiron comezar pola gravación de 8 programas que se emitirán de maneira semanal. 

"O noso obxectivo é partirmos d'O debate e ir incluíndo contidos" con programas que exploren novas posibilidades e formatos. Mais para iso é preciso "rodar o proxecto", apunta Aurélio. 

Comentarios