Nace Ecoar, espazo para converxer colectivos sociais de Vigo

Máis de cen persoas asistiron na quinta feira á presentación de Ecoar, (Espazo de Contradiscurso, Coordinación e Construción de Alternativas e Resposta Social), unha plataforma que agrupa a vintesete colectivos sociais e conta que se sumen trinta e catro máis nos próximos meses. Guillerme Cid, un dos promotores de Ecoar, achéganos aos obxectivos da plataforma social. 

Ecoar
photo_camera Ecoar

-Con que fin nace Ecoar?

Trátase dunha plataforma de colectivos sociais e persoas que pretende coller os distintos impulsos que se están a dar na sociedade, en concreto en Vigo e a súa contorna, alén de converxer con outros movementos que se producen internacionalmente. 

-Que obxectivos persegue?

Ten dúas pólas, por unha banda o grupo de Contradiscurso que se encarga de xerar unha liña ideolóxica e, pola outra, como coordinación de acción de rúa e construción de resposta social. O espírito tómase dos movementos que se están a dar, desde as revolucións do mundo árabe que se espallaron até a revolta que se está a producir en México. Queriamos contar cunha ferramenta para a coordenación de todas as loitas.

-Son só colectivos sociais os que se articulan en Ecoar?

Trátase dun proxecto independente no que participan colectivos sociais. Sindicatos e partidos teñen unha estrutura xa organizada e o que pretendiamos é crear un espazo onde converxer. Iso non significa que non podamos facer accións compartilladas mais Ecoar nace como unha plataforma de colectivos sociais. 

-Fala de construción ideolóxica, hai un perfil que define Ecoar canto ás ideas que defende?

O perfil é diverso, composto pola xente que participa nos movementos sociais mais hai desde antiglobalización, organizacións non gubernamentais e mesmo persoas que participan a título individual en partidos políticos e sindicatos, sen que estes integren a plataforma. Están presentes diversas sensibilidades. Neste momento vintesete colectivos participan en Ecoar e contamos con que nos próximos meses se integren 34 máis. Contactamos con 92 que actúan en Vigo e a súa contorna. 

-Trátase entón dunha plataforma operativa que aporta ferramentas aos colectivos?

Esa é a proposta. O fin de Ecoar é sumativo, xerar ferramentas sociais. Na nosa páxina web cada colectivo ten un código para subir os seus materiais e poder coordenarse. Queremos activar tamén un almanaque para coordenar as nosas actuacións que poden converxer. Os colectivos pequenos non contan con ferramentas e medios e a revista de Ecoar pode levar o seu discurso á rúa. A plataforma xera un espazo para converxer forzas. 

-A crise está a producir maior mobilización social?

Que teñamos 500 desafiuzamentos diarios e un 26% de pobreza fai que a contorna se sensibilice e busque saídas. A efervescencia é cada vez maior e máis xente se suma aos colectivos sociais. Vigo é unha cidade tradicionalmente obreira e a crise degola desde abaixo as clases máis desfavorecidas. Iso nótase na resposta social e puidemos velo na contestación á última folga xeral. Nacen tamén moitos grupos de acción directa de rúa. A medida que a crise vaia fanando dereitos e liberdades a xente tende máis ao enfado e á mobilización. 

Comentarios