Nace a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados para combater “o saqueo das nosas pensións”

Varias plataformas integran esta organización para pedir a anulación dos milleiros de expedientes sancionadores abertos por Facenda a aquel@s que cobran pensión do estranxeiro. "Imos defender os nosos dereitos e as nosas pensións porque non somos defraudadores".

Manuel Domínguez e Xosé Leirós
photo_camera Manuel Domínguez e Xosé Leirós

“Somos moitos, en Galiza pasamos de 100.000 pero de largo”. Manuel Domínguez, da recén constituída Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, incide en que a decisión de Facenda de cobrar desde o 2008 polas pensións gañadas por traballar no estranxeiro afecta a moitísimas persoas no país. “Máis, somos moitas máis de 100.000”, retrúcanlle desde o público algúns dos membros das plataformas que se reuniron para dar vida a esta Coordinadora. A cifra, en todo caso, é “inmensa”.

“Están a obrigarnos a pagar unha media de 10.000 euros nun prazo de 10 días”

A entidade presentouse en Compostela formada por plataformas de diferentes comarcas do país. E nace cunha idea clara, sinala Domínguez, arousán retornado de Suíza, onde traballou moitos anos. “Defender os nosos dereitos ante a actitude mesquiña e o abuso de poder por parte do Estado” o cobrarlles agora por esas pensións, ademais de fixar sancións e multas por “impago”. “E non somos defraudadores, o de Facenda é unha extorsión, unha decisión que se sacan da manga con fin recadatorio”.

"Desde os consulados dicíannos que non tiñamos que pagar por esas pensións"

Manuel Domínguez e Xosé Leirós, tamén membro da Coordinadora, exixen o goberno español que “encauce a súa decisión política” e poña fin ás ”ducias de milleiros de expedientes abertos a retornados”.

Sangría

Nesta liña, apuntan a que a media que se ten que pagar por persoa afectada ronda os 10.000 euros, “e haino que pagar nun prazo de 10 días, é unha tolería”. Mais esa cantidade pode ser moito maior, sinala Leirós, que dí que hai a quen lle chegou que tiña que desembolsar “atá 25.000 euros”.

“Durante anos enviamos divisas ao Estado español. A Galiza non chegou nin unha cadela”

Desde a Coordinadora afírmase que os emigrantes retornados “nunca fomos informados” de que tiñan que abonar polo concepto que agora lle reclama a Axencia Tributaria. “Máis ben foi todo o contrario. Desde consulados e asesorías dicíasenos que non tiñamos que pagar”. Insisten en que as multas e sancións que se están a impoñer afogan a economía de moitas familias, “pois as nosas pensións permítennos axudar a fillos, netos...e son pensións que gañamos con anos de traballo moi duro, lonxe dos nosos e da Terra”.

Demandas

A Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados resume as súas peticións en pedir a revogación e anulación dos expedientes sancionadores (e a devolución dos cartos a quen xa tivo que pagar), rexeitar o “cobro abusivo” de intereses de demora por parte de Facenda, e pedir que se poña fin á decisión de cobrar a fin desta decisión do goberno.

Indican que están a recoller sinaturas para presentar perante Facenda, que van pedir xuntanzas cos diferentes grupos parlamentares, así coma co conselleiro de Facenda e o Valedor do Pobo. “Temos que defender as nosas pensións e os nosos dereitos e a loita é o camiño”, manifestou Leirós.

Comentarios