Nace a Coordinadora de ANPAs do Ribeiro para facer fronte aos recortes de Educación no rural

Programan futuras mobilizacións conxuntas e presionar colectivamente á Xunta ante a modificación das unidades escolares no curso 2012-2013
FOTO: ANPA O Carballo
photo_camera FOTO: ANPA O Carballo

Castrelo do Miño vén de acoller a constitución da Coordinadora de ANPAs do Ribeiro, que xa anunciou que comezará unha rolda de contactos con ANPAs das catro provincias galegas co fin de poder iniciar novas liñas de presión e planificar novas mobilizacións e accións en conxunto, que fagan á Xunta recuar na súa decisión de recortar na educación, sobre todo no rural.

As asociacións constituíntes da coordinadora son as de Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle e Cortegada

Neste sentido, o vindeiro luns celebrará unha nova asemblea no CEIP Pena Corneira de Carballeda de Avia ás 20:00 h onde tentaran xa contar con representantes das ANPAs de secundaria do Ribeiro para abordar actuacións conxuntas e actos colectivos a desenvolver de cara a deseñar unha estratexia común e máis forte aínda fronte á decisión da Consellería de Educación que provocará a supresión de máis de 80 profesores nos centro de ensino público das zonas rurais da provincia de Ourense o próximo curso.

Primeira acción

O primeiro acto de protesta tras a recente constitución da coordinadora terá lugar o vindeiro mércores 11 de xullo ás 20:00 h en Ribadavia..

A coordinadora oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual. O obxectivo é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais, que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento do rural.

Comentarios