Música e compromiso contra a privatización dos espazos públicos en Compostela

A oposición á ordenanza de uso da vía pública, coa que só poderán organizar actividades na rúa as entidades que conten co favor do Concello compostelán, concretouse desta volta nun roteiro musical a ritmo de batucada para reclamar a rúa como un ben común de tod@s

Unha batucada de 'Trópico de Grelos' puxo a nota musical a un serán de reivindicación na capital da Galiza. Coa Praza do Toural como epicentro, entidades e colectivos cidadáns, sociais, culturais, sindicais e políticos volveron mostrar o rexeitamento a unha norma, a ordenanza de uso da vía pública, que, de facto, privatiza os espazos públicos de Compostela.

Ao ritmo dos tambores, caixas e bombos, ducias de persoas percorreron as rúas da capital da Galiza, ao tempo que no Toural ficaba unha programación de diferentes actividades (desde xogos 'insumisos' até postos de diverso material e información). O roteiro musical foi pasando por rúas e prazas da zona vella, onde se procedeu á lectura de poesías e manifesto, ademáis de ter lugar pequenas actuacións musicais a cargo de integrantes de 'Solfa'.

A reivindicación é común por parte de todos os colectivos: Que se retire a ordenanza. Por que? Pois porque deixa en mans da arbitrariedade do goberno local do PP quen pode ou non utilizar os espazos públicos para desenvolver actividades. 

Efectos

A ordenanza afecta a un amplo abano de actividades, desde as deportivas até as culturais, pasando mesmo por festas populares (como as cacharelas de San Xoán, magostos na rúa) e outras moitas. Mesmo aquelas organizadas por entidades sen animo de lucro, asociacións veciñais, comisións de festas, colectivos culturais...

Coa nova norma, o PP  obriga a todas estas entidades e colectivos a cumprir unha serie de obrigas (pagaren unha taxa municipal dez días antes, abonar taxas por enganche de luz e pagar a electricidade, depositar garantías económicas previsas a realizaren os actos...)  cuxa acumulación fai unha labor case que imposíble organizar algo.

Alén diso, a ordenanza prohíbe a celebración de actividades que requiran megafonía (o que afecta desde música na rúa até concentracións, pasando por unha longa lista de actos culturais, sociais...) e permite a revogación dun permiso xa concedido.

Comentarios