Unha muller denuncia en Ourense unha agresión sexual e recibe orde de expulsión

V.R., que naceu en Armenia, mora desde hai seis anos na cidade das Burgas. A denuncia que interpuxo foi arquivada sen investigación namentres ela ficou imputada por "simulación de delito", estivo detida 50 días nun CIE en Madrid e ditouse contra ela unha orde de expulsión a Rusia.


A presión social exercida por movementos en defensa das persoas inmigrantes conseguiu paralizar a orde de expulsión ditada contra V.R., unha muller nacida en Armenia que mora en Ourense desde hai seis anos e que no mes de marzo denunciou unha agresión sexual que foi arquivada sen investigación ningunha ao tempo que a denunciante ficou imputada por "simulación de delito".

Malia presentar un parte hospitalario onde se daba conta das lesións sufridas durante a agresión, o xulgado de instrución nº2 da cidade das Burgas arquivou a denuncia. Un mes despois, V.R. foi chamada a declarar como imputada polo mesmo xulgado ao considerar que a agresión sexual denunciada era falsa e que a muller a presentara para conseguir o permiso de residencia, pois atópase en situación de irregularidade. Froito desta imputación, esta veciña de Ourense ficou detida durante 50 días --case dous meses-- nun centro CIE de Madrid cunha orde de expulsión a Rusia que non se puido executar porque a muller non tiña pasaporte. 

Agora V.R. foi detida pola policía española na súa casa, na cidade ourensá. Conducírona á comisaría e alí informárona dunha nova orde de expulsión que fora autorizada polo xulgado de instrución nº2 de Ourense, o mesmo que arquivou a denuncia por agresión sexual e o mesmo que imputou a muller por "simulación". Após 24 horas detida na comisaría namentres non a transladaban ao aeroporto a Madrid, V.R. ficou en liberdade. A presión de colectivos en prol dos dereitos das persoas inmigrantes, nomeadamente do observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca, conseguiu paralizar a orde, malia que V.R. debe comparecer todas as segundas feiras perante a brigada de estranxeiría da policía española en Ourense para asinar. 

Comentarios