Mudar a Constitución pola República de Galiza

Mudar a Constitución pola República de Galiza. Era a vontade das persoas que participaron nas ruadas que Galiza pola Soberanía (GpS) realizou en cidades e vilas, para deixar á vista que “esta non é a nosa Constitución”. En varios dos actos escenificaron cambios simbólicos de nomes de prazas e rúas. 

GPS
photo_camera GPS

Á maneira de festas e con grande contido simbólico, os actos organizados na mañá do día 6 de decembro por Galiza pola Soberanía (GPS) quixeron manifestar a urxencia da defensa dos nosos dereitos fronte a unha Constitución que nega a existencia dunha Galiza de seu. 

En día feriado, GPS botouse ás rúas e prazas con bandeiras e música, de modo a mostrar nesta data emblemática, en que o discurso oficial consagra a unidade de España, a súa defensa dos dereitos nacionais do pobo galego. Por segunda vez neste outono, despois de o pasado 12 de outubro  cartaces xigante reclamaren soberanía en multitude de concentracións, GPS promoveu actos en todo o país na defensa dos dereitos nacionais galego. 

En distintas das concentracións, mudouse simbolicamente nomes de rúas e prazas polo da “República de Galiza” que luciu sobre a placa da Praza da Constitución en Vigo ou a Rúa Juan Carlos I en Compostela. 

“Esta Constitución é unha fraude!”, foi o lema co que GpS convocou a concentración d Coruña e “En Galiza temos futuro, traballemos pola Soberanía”, o que protagonizou a ruada de Ferrol. Salvaterra do Miño viviu tamén unha xornada reivindicativa e en Lugo decidiron rematar o acto político-festivo cun partido de fútbol. 

GpS contesta desta maneira o “Día da Constitución española” con actos de afirmación nacional. “A súa constitución non nos representa e reivindicamos a maioridade do pobo galego para construír un futuro libre e sem intromisións nen ameazas”, defenden.

No seu manifesto fundacional, Galiza pola Soberanía facía un chamamento a promover “o debate, a axitación social e a mobilización, a tomada de consciencia da maioría do pobo galego no proceso de construción nacional, co obxectivo final de camiñarmos cara á unha situación de soberanía plena, fixada na consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república para construírmos, de maneira pacífica e solidaria, unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente igualitaria”.

Comentarios