Morre unha muller en Urxencias despois de agardar 3 horas sen ser atendida

BNG e AGE apremian o Sergas para que ofreza unha explicación do acontecido. Din que o Consello de Contas alertara nun informe sobre o colapso no hospital de Vigo, onde se produciu o deceso, e que pacientes teñen que agardar até 10h por unha cama ou unha proba diagnóstica


Unha muller morreu este martes no servizo de urxencias do Complexo hospitalario universitario de Vigo (Chuvi) após tres horas agardando para ser atendida e sen que a pasasen aínda a un box.

A consellaría de Sanidade abriu unha investigación para coñecer se se cumpriu co protocolo habitual e se realizou a valoración inicial que permite determinar, segundo a gravidade d@s pacientes, se est@s son sometid@s a probas, se poden agardar ou se pasan a quirófano. O Sergas non informou da causa da morte, isto é, a doenza que non foi considerada grave dabondo para que a muller, de 81 anos, fose atendida de inmediato. Alega que "non poden transcender datos clínicos" d@s enferm@s.

Malia isto, en declaracións á axencia de noticias Europa Press traballador@s do hospital informaron de que a paciente presentaba unha patoloxía cardíaca previa e sosteñen que, de ser atendida antes desas tres horas, podería terse producido igualmente o deceso. Con todo, o certo é que o servizo de urxencias do Chuvi leva varios días colapsado e non dá prestado atención médica a unha cantidade de enferm@s que teñen chegado até @s 630, cando a media habitual nesta época do ano está por volta d@s 500. O panorama repítese en todos os hospitais públicos galegos.

BNG e AGE exixen que o Sergas rinda contas polo acontecido

Desde as filas da oposición, BNG e AGE apremian unha explicación. A formación frontista pedirá explicacións no Parlamento galego, recalcando que a situación de colapso do hospital "é coñecida polo Goberno galego tras ser denunciada recentemente a través dun informe do Consello de contas".

Considerou o voceiro de Sanidade do BNG, Carlos Aymerich, que a Xunta non tivo en conta as recomendacións do informe "e seguiu a practicar recortes", polo que exixen que se esclarezan as causas do pasamento da anciá. En termos semellantes pronunciouse o grupo parlamentar de AGE, reclamando unha investigación "e que se axilice o servizo de urxencias realizando as contratacións de persoal" que cumprisen para tal obxectivo.

Así o recolle a proposición non de lei en que AGE data a "masificación de pacientes" nos comezos do mes de marzo "polo aumento de incidencias derivadas de enfermidades respiratorias". Sinala a formación política que a situación se tornou "insostíbel" a segunda feira, 4 de marzo, cando o tempo de espera para cama de hospitalización e probas diagnósticas chegou a alcanzar as 10 horas.

Comentarios