Monte Pindo Parque Natural di a zona que só se recuperará cando “o PP abandone o goberno galego”

O tratamento con palla para evitar as escorrentías afecta só ao 0,16% da superficie ardida en Carnota e a Xunta négalle á veciñanza axudas polas perdas e ao monte unha maior protección para o futuro. Son as conclusións que a Asociación Monte Pindo Parque Natural tira da actuación do goberno despois do incendio e da postura do PP no pleno no que se rexeitou unha vez máis a declaración. 

Monte Pindo
photo_camera Monte Pindo

A catástrofe do Monte Pindo só se solucionará cando o PP abandone o goberno. Esa é a conclusión que a asociación que reclama o parque natural tira do debate no que o PP negou unha maior protección para o Pindo. 

O PP botou man da súa maioría absoluta para, segundo a Asociación Monte Pindo Parque Natural negarlle  “aos veciños de Carnota compensacións económicas polas perdas derivadas do incendio mediante a declaración de zona catastrófica, bloqueando a adopción de medidas urxentes que se pediron para recuperar o Monte Pindo mediante un plan integral”. Mediante ese plan,  querían que se reducisen os riscos de escorrentías de lodos contaminantes ademais de comezar a tentar a recuperación ecolóxica do Pindo xunto coa presentación, novamente, da declaración de Parque Natural á que o PP se negou. 

Lamentan, nese sentido, que o PP empregase para negar a iniciativa a unha deputada precisamente do Pindo. Marisol Piñeiro foi encargada de defender os argumentos do goberno no debate, malia, segundo din na asociación, vise o lume ás portas das casas. 

Un despropósito

A Asociación Monte Pindo Parque Natural cualificou de “despropósito” o que a Xunta fixo na zona desde o grande incendio que asolou o coñecido como Olimpo Celta. Lamentan a xestión desde que se produciu o incendio, cunha ausente Consellaría de Medio Ambiente, ate as declaracións políticas de Feijóo e Rueda que eludían responsabilidades e botaban culpa do desastre a mans pirómanas. “Para eles os montes arden igualmente con ou sen protección, recoñecendo implicitamente que teñen abandonados incluso os parques naturais existentes”, sinalan. Denuncian tamén que os únicos técnicos que apareceron despois do lume foron os “de Augas de Galicia, aproveitando que xa estaban na zona desde antes do lume”. 

A reclamación por parte da asociación de medidas que controlasen as escorrentías despois do lume por medio de distribución de capas de palla, converteuse, segundo din, “nun gran espectáculo aéreo de helicópteros descargando 3,5 toneladas de palla durante tres tardes, aínda que vista desde fóra parecía un operativo épico e así transcendeu nos medios”. Segundo a Asociación, a zona “tratada” supón 4 hectáreas, das 2.500 ardidas, é dicir, un 0,16%. Ás denuncias engaden que nin o Concello de Carnota estaba ao tanto do operativo, cos riscos que poderían supor para a veciñanza. “Tampouco apareceu polo lugar ninguén para estender a palla, tal como caeu alí quedou”, din. 

Dous programas de voluntariado

Lamentan tamén que a Xunta “contraatacase” cun programa de voluntariado de 5 xornadas unha vez foron coñecedores da iniciativa que fixeron pública a Asociación, un programa coordinado por científicos das universidades galegas e o Concello de Carnota. Conclúen en que, vista a situación, é a sociedade a que se ten que facer responsábel da recuperación do monte, esquecendo á Xunta pola súa inoperancia.

Comentarios