A mocidade nacionalista saíu á rúa por un "futuro digno" nunha Galiza independente

Un milleiro de moz@s percorreron as rúas de Compostela ao berro de "independencia" para exixiren o seu dereito a decidir "unha Galiza feita por nós e para nós". Vídeo no interior

Arredor das 20.00h partía da Alameda compostelá a manifestación unitaria convocada polas organizacións xuvenís nacionalistas, soberanistas e independentistas (todas agás Anova-Mocidade). Era a véspera da Patria e a mobilización tencionaba ser o pregón do 25 de xullo. Horas despois, a traxedia de Angrois convertiríaa na única manifestación que percorreu a capital da Galiza para exixir un Estado propio para Galiza, após suspendérense todos os actos políticos do Día da Patria galega.

Ao berro de independencia, as mozas e mozos de Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca! e Liga Estudantil Galega congregábanse na Alameda de Compostela precedidas dunha inmensa bandeira da Patria. Centos amoreábanse tras dunha única faixa. O lema 'A mocidade erguendo o seu futuro'. O obxectivo: a independencia. 

A marcha percorreu Santiago coreando palabras de orde como "España é a nosa ruína" ou "Avante sen tregua: República Galega"

Así rezaba a lenda da histórica mobilización que decorreu na capital da Galiza o pasado 24 de xullo. Por vez primeira, as organizacións xuvenís do soberanismo galego convocaban unha única manifestación. Coreando palabras de orde como 'España é a nosa ruína' ou 'Avante sen tregua, República galega', @s moz@s saían dunha Alameda ateigada para comezar un percorrido que saía do habitual e devolvía ao casco histórico da cidade o clamor da rebeldía xuvenil para reivindicar o dereito da Galiza a ser, a existir como nación soberana. 

"A independencia é o único camiño", afirmou de maneira taxativa Mónica Martínez desde os Comités, para superar "a crise sistémica" que atinxe a Galiza, acrecentou Bea Fariña desde a Liga estudantil. Congregad@s arredor dun mesmo chamado, @s moz@s galeg@s clamaron polo dereito a viviren e traballaren na propia terra sen vérense abocad@s á emigración ou á precariedade laboral.

"Estamos fartas e fartos de ser unha colonia"

"Estamos fartas e fartos de ser unha colonia", aseverou Alberte Mera por Galiza Nova ao tempo que reivindicou "a soberanía" para "conquistar" o futuro da mocidade nunha Galiza "socialista e feminista", sinalou Aldara Míguez desde Adiante. "Somos moitos os que loitamos contra a submisión a España, o capital e esa monstrosidade que é o pratriarcado", sentenciou Miguel Cuba desde Agir. Neste senso, as organizacións convocantes lanzaron un chamamento á mocidade do país para "saíren á rúa" e "camiñar cara á ruptura" para se liberaren "do xugo do españolismo e o capital", acrecentou Noa Presas en nome de Isca!. 

Cun discurso tallante e moi crítico coa realidade actual, @s moz@s independentistas encheron a céntrica Praza do Toural acompañad@s de representantes doutras nacións sen Estado e pobos que quixeron acompañar a Galiza na véspera do seu día nacional. Ernai, Gazte Abertzaleak, as JERC, Bloc Jove ou Jaleo sumáronse ás reivindicacións da mocidade independentista galega e achegaron un "saúdo internacionalista" á convocatoria unitaria. 

Coa leitura do manifesto, as organizacións xuvenís reafirmaron a súa "vontade de manter erguida a bandeira azul e branca" a prol "dun futuro libre" no que as mozas e mozos do país poidan decidir que Galiza queren construír. 

Comentarios