Ana Miranda: "Non ten sentido que Galiza agora pase a estar na categoría de nacións máis ricas cando a situación é dramática"

Galiza podería perder máis de 4.000 millóns de euros no periodo 2014-2020, en virtude dunha negociación comunitaria de criterios perante os que nin a Xunta nin o goberno central moveron ficha. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, analiza a situación e a proposta do nacionalismo galego
Ana Miranda co Presidente da Comisión Europea
photo_camera Ana Miranda co Presidente da Comisión Europea


Cal é a actual situación en que se encontra a negociación do regulamento marco dos fondos europeos para o período 2014-2020?

Está en pleno debate no Parlamento Europeo, despois dun longo proceso de negociación previo, en que o goberno galego tivo un papel irrelevante pola súa inactividade. De feito, a día de hoxe, como eurodeputada galega --único membro de Galiza na Comisión de Desenvolvemento Rexional da Eurocámara onde se están realizando as negociacións--, non teño recibido nen unha soa proposta por parte da Xunta para defender os intereses de Galiza neste tema vital para o noso país. Alén diso, hai meses que teño enriba do escritorio as iniciativas dos gobernos de Cataluña, Gales, Escocia ou Flandes, sen contar as propostas de numerosos colectivos ou organizacións de toda Europa. Da Xunta, cero propostas.

"Non teño recibido nen unha soa proposta por parte da Xunta para defender os intereses de Galiza"

O documento da Comisión Europea, onde se marcan as regras de reparto deses fondos para os vindeiros anos, contempla dúas posibilidades: crear a categoría de rexión de transición --para nós nacións en transición-- ou estabelecer un mecanismo de seguridade para os territorios que, por primeira vez, deixen de estar entre os máis pobres. A día de hoxe, Galiza non cumpre os requisitos para poder sumarse a nengunha desas dúas opcións e, como consecuencia, podemos perder 3.500 millóns de euros dos 5.600 recibidos no período actual.

Que alternativas ou medidas se poden adoptar para evitar a perda de fondos?

As alternativas pasan por acadar que se aprobe o orzamento comunitario incluíndo a aprobación dun regulamento que ofreza a Galiza a posibilidade de conservar alomenos 2/3 dos fondos actuais, con independencia de que por primeira vez rebase o 90% do PIB medio da UE dos 27. É obvio que o noso país mellorou se comparamos con 1986 en termos de renda, mais tamén é evidente que non ten sentido que agora pase a estar na categoría de nacións máis ricas cando a situación que vive o noso país na actualidade é dramática, desde o punto de vista económico e do emprego.

O BNG defende que se teña en consideración unha serie de datos pola UE á hora de incluír Galiza na terceira categoría de rexión, como os datos que indican que o PIB na Galiza cae e caerá pola crise. Como repercutiria isto?

Insisto, o obxectivo pasa por acadar que Galiza conserve unha parte substancial dos fondos porque aínda os necesita, e non é críbel que, despois de estar 25 anos entre a categoria dos territorios de menor renda ou máis pobres, de repente, dando un chimpo no baleiro, pasemos ao grupo dos máis ricas de Europa. Por tanto, ten que haber un suposto pensado para os territorios que deixen o furgón de cola por primeira vez, con independencia de que técnicamente superen o umbral do 90% do PIB comunitario, como lle pasa a Galiza, que está no 91,3%.

"Non podemos pasar, nun chimpo no baleiro, dun dos territorios de menor renda ao grupo das nacións máis ricas de Europa"

Doutra banda, defendemos que para calcular o PIB se teña en conta os datos de 2011, 2012 e mesmo de 2013, que poden dar unha imaxe máis real da situación de Galiza que os datos barallados agora. Non debemos esquecer que os fondos europeos que agora se negocian non estarán dipoñíbeis até 2014, polo que non ten sentido facer os cálculos sobre a situación económica dos territorios en 2010, e menos cando estamos en pleno furacán da crise. O BNG propuxo ademais que se incluíse o criterio demográfico entre os indicadores para ter en conta, e non só a renda.

A Xunta intenta escorrer a súa responsabilidade falando de "aterraxe suave" ou "rede de seguridade", que significa isto para Galiza?

"Polo desleixo da Xunta pasremos a recibir 1.500 millóns de euros en lugar de 5.600"

Significa que non fixo o seu traballo como goberno e agora ten a táctica de repetir e repetir a mesma consigna para que calle a falsa idea de que temos garantidos 2/3 dos fondos, ben pola vía da categoría de transición, ben pola vía da chamada rede de seguridade ou aterraxe suave. A día de hoxe, cos cambios introducidos no Parlamento Europeo, Galiza non encaixa en ningún deses supostos.

Esto implica pasar a recibir 1.500 millóns de euros en lugar de 5.600. Estamos a piques de perder 3.500 millóns de euros en fondos europeos, e a Xunta non fai outra cousa que repetir a súa interesada letanía, nunha actitude políticamente irresponsábel co país.

Comentarios