Milleiros de persoas maniféstanse na Coruña contra o peche de Alcoa

Coa mirada posta na poxa que se desenvolverá a vindeira semana, milleiros de persoas percorreron as rúas da Coruña en manifestación contra o peche de Alcoa. 

Alcoa
photo_camera @TraballadoAlcoa

Milleiros de persoas manifestáronse nesta tarde da quinta feira máis unha vez contra o peche da factoría de Alcoa, pendente da poxa que se desenvolverá en só uns días. “Peche non. Enerxía solución” era a lenda da faixa da cabeceira dunha mobilización que se dirixiu polas rúas da cidade cara a sede de Rede Eléctrica de España. 

A marcha, convocada polo comité de empresa da planta de Alcoa, percorre a cidade poucas horas despois de se coñecer que os vindeiros días 22 e 23 producirase unha segunda poxa eléctrica. 

A manifestación saíu por volta das 17.30 da propia fábrica, situada no polígono da Grela e tiña o seu fin arredor de oito quilómetros despois, na rúa Zalaeta, onde se atopa a sede de Rede Eléctrica de España. “Peches non, queremos solución!”, “Onde está, que non se ve, a industria do PP” ou “Despidos na Moncloa, non en Alcoa”, foron algunhas das lendas coreadas durante a marcha que tivo unha longa parada diante da sede do PP onde se responsabilizou a medio de berros ao partido do goberno da situación da factoría. 

A mobilización prodúcese tan só unhas horas despois de que na factoría de Alcoa se convocase unha concentración por parte da CIG en demanda dunha tarifa eléctrica galega. 

Comentarios