Milleiros de persoas asolagan Ferrol en defensa do naval e polo futuro da comarca

Milleiros de persoas encheron as rúas de Ferrol nunha nova manifestación convocada polos Comités de Navantia e delegad@s das empresas auxiliares reclamando futuro para a comarca. Defensa do sector naval, carga de traballo, dique flotante e fin do veto á construción civil foron as principais demandas. 

Suso Pazos
photo_camera Suso Pazos

“Defender o naval é defender a comarca. Dique si, veto non”, era a lema co que os Comités de Navantia e as empresas auxiliares do sector convocaron á veciñanza á mobilización que foi secundada por milleiros de persoas. A comarca de Ferrol esmorece e a cidadanía decidiu, máis unha vez, saír á rúa para poñerlle freo á situación crítica que atravesa, cunha taxa de desemprego superior ao 30%. Convocada polos comités de Navantia e delegad@s da industria auxiliar, a manifestación foi secundada por milleiros de persoas e apoiada por organizacións políticas, sindicais, asociacións e entidades e mesmo contou coa participación dos alcaldes da comarca. Iso non impediu que no transcurso se pedira a dimisión, entre outros dos presidentes do goberno español e galego, Mariano Rajoy e Núñez Feijóo máis o alcalde de Ferrol. “Carga de traballo para Navantia xa! Polo futuro das comarcas” era a lenda que se podía ler na primeira faixa que abría a multitudinaria marcha que percorreu as rúas céntricas da cidade. 

Promesas incumpridas

Na mobilización reclamouse de novo que se concreten as promesas de maior carga de traballo que reiteradamente vén facendo o PP mais continúa sen se materializar. O flotel para Pémex tardará aínda dous meses en iniciarse e apenas suporá menos de 300 postos de traballo, lembrouse, fronte aos 3.600 que se perderon nos últimos meses nas empresas auxiliares. O dique flotante, máis carga para os estaleiros e fin do veto de construción civil foron algunhas das demandas que se repetiron ao longo da marcha. 

A manifestación, que saíu da praza do Inferniño, percorreu distintas rúas do casco histórico da cidade até rematar diante do Pazo Municipal. Lembrouse a situación “crítica! Que atravesa Ferrolterra cun altísimo desemprego, comercio e pequenas empresas en crise e continuos Eres. 

Comentarios