Milleiros marchan en Pontevedra contra a represión ao sindicalismo

Convocada pola CIG, CCOO e UGT, a manifestación solidarizouse cos tres sindicalistas condenados a prisión por integrar un piquete na folga do comercio de 2009. Vídeo no interior
photo_camera Foto: CIG

Unha manifestación multitudinaria percorreu as rúas de Pontevedra en solidariedade con Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da CIG; e Carlos Búa, de CCOO, condenados a tres anos de prisión por participar na folga do comercio e alimentación en 2009. A marcha partiu pasadas as 11.30 horas da Praza da Ferrería e á súa cabeza situáronse os máximos responsábeis dos tres sindicatos convocantes.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que o motivo da mobilización é trasladarlles a solidariedade das centrais os tres afectados e “amosar o noso rexeitamento a unha condena que é totalmente desproporcionada, xa que fixa tres anos de cadea para tres persoas que o único que fixeron foi garantir o dereito á folga dos traballadores/as”.

Xuntanza co fiscal

O secretario xeral da CIG anunciou que este mércores, 18 de xullo, teran unha xuntanza co fiscal xefe de Galiza, encontro no que o sindicato nacionalista informaralle do rexeitamento da central "á actitude de represion sindical que manten o  inisterio Fiscal".

Neste sentido, Seixo denunciou que mentres os responsábeis dunha crise que bate con dureza a milleiros de familias gozan de "total impunidade", traballadores e sindicalistas teñen que afrontar procesos xudiciais.

Marcha

A manifestación, unha vez en marcha, detivose fronte á sede do Partido Popular. Alí berráronse consignas como “Hai que deter o fascismo do PP” ou “Aquí está a cova de Alí Babá”. Despois, procedeu a se dar lectura a un comunicado conxunto por parte do historiador Francisco Calo Lourido 

Na intervención, alen de lembrar os nomes dos sindicalistas condenados, tamen se deu o do xuíz que ditou a sentenza e a fiscal que fixo a petición de cadea, Juan José Trashorras García e Rosalina Carrera Cotado. Ao mesmo tempo, criticouse a actitude de Gadis, empresa cuxa denuncia deu pé ao xuízo.

Tamén deixaron moi claro que as mobilizacións solidarias con estes tres compañeiros continuarán nas vindeiras semanas e incidiron que este tipo de actitudes represivas non van facer que “abandonemos a defensa dos nosos dereitos e dunha vida dignas, para as xeracións presentes e futuros”. Finalmente, aseguraron que non van permitir que os compañeiros entren en prisión e que non van parar “até conseguir que vos sexa retirada a condena”.

Comentarios