Milleiros mobilízanse na Coruña para impedir o feche de Santa Bárbara

Arredor de 8.000 persoas saíron á rúa para demandar o mantimento da factoría de Santa Bárbara na Coruña, a única que General Dynamics ten previsto fechar en todo o Estado. Os traballadores exixen á Xunta que se mova para achar as solucións que si se atoparon en Murcia e Castela León. Santa Bárbara foi privatizada polo goberno Aznar.

 

photo_camera Imaxes: Xurxo Lobato

Rexeitan o ERE que prevé aprobar a transnacional norteamericada General Dynamics e exixen o mantemento dos seus postos de traballo nunha empresa que segue a outorgar importantes beneficios. Operari@s da fábrica de Santan Bárbara manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña acompañad@s de milleiros de persoas -amig@s, familiares e veciñ@s mais tamén por representantes de BNG e AGE. 

"Hoxe estamos aquí miles de persoas, para manifestar unha vez máis o rexeitamento total e absoluto á decisión unilateral de General Dynamics de presentar un expediente de regulación de emprego", segundo reza o manifesto lido logo da manifestación. Desde as organizacións sindicais denuncian que a transnacional quer aproveitar "a redución de pedidos", "para desmantelar a industria" polo que exixen a intervención directa do Ministerio de defensa na procura de salvagardar os centos de postos de traballo que corren o risco de seren destruídos. 

Neste senso, demandan á Xunta de Galiza que aposte pola diversificación da produción industrial e garanta o mantemento da factoría no caso de que General Dynamics teime en abandonar a súa produción en Galiza. Asi, exixiron das administracións galega e española "o mesmo compromiso político" que o amosado coas factorías da empresa estadounidense en Murcia e Castela-León. "De non actuar politicamente da forma axeitada", advirten "podería interpretarse socialmente como unha renuncia das
responsabilidades" políticas cos intereses "de Galiza e dos seus cidadáns". 

Após meses de mobilizacións, @s operari@s da factoría agardan que o executivo de Mariano Rajoy se comprometa cunhas instalacións que a piques están de cumprir 8 décadas e que contan con potencial instalado para continuar a súa actividade no eido civil e no militar. 

Comentarios