A Xunta rexeita revisar a denegación de axudas á hipoteca

Son milleiros as familias afectadas, calcúlase que poden ser máis de 8.000, fundamentalmente no barrio de Novo Mesoiro na Coruña e Navia en Vigo. A Xunta desoíu a solicitude do BNG e non revisará a denegación de axudas á hipoteca das persoas propietarias de vivendas protexida. 

Novo Mesoiro
photo_camera Novo Mesoiro

A Xunta non revisará a denegación de axudas á hipoteca das persoas propietarias de vivendas protexidas que afectan a máis de 8.000, unha boa parteas que mercaron nos barrios de Novo Mesoiro na Coruña e Navia en Vigo. O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, foi claro á hora de defender a negativa da Xunta, diante da iniciativa da deputada nacionalista Carme Adán que solicitaba ao goberno galego a revisión de oficio das denegacións. 

A  Xunta tíñalle xa comunicado aos milleiros de familias a supresión da axuda á hipoteca das vivendas protexidas, tomando o recorte con efecto retroactivo, xa que estaban vinculadas a plans de vivenda anteriores a 2012. 

A deputada Carme Adán recriminoulla á Xunta, na persoa do conselleiro responsábel da área, a falta de vontade política e destacou que tiña competencias amparadas na lexislación para rematar co que cualificou de inxustiza. De feito, a comunidade de Castilla y León está a revisar de oficio a subsidiación das vivendas protexidas, co aval do informe da Defensora del Pueblo que argumenta que non se pode furtar un dereito recoñecido. 

Obriga de repoñer un dereito

“O Instituto Galego de Vivenda e Solo é un mero tramitador das axudas e mira para outro lado ante a eliminación dunha axuda que é competencia propia deste organismo”, defende a deputada quen calculou a perda das persoas afectadas entre 50 e 100 euros mensuais. “Eliminaron un dereito que estaba recoñecido e teñen obriga de repoñelo”, sinalou Carme Adán. 

Segundo a deputada, o PP está a vulnerar o a propia Constitución ao denegar a prórroga aos préstamos hipotecarios con carácter retroactivo. A propia Defensora del Pueblo no seu ditame deixa en mans dos órganos competentes das Comunidades autónomas a revisión da interpretación do Ministerio e abre a porta á revisión de oficio das resolucións para garantir “os dereitos dos cidadáns”. O BNG reclámalle ao goberno que “manteña e repoña” as condicións previas en materia de vivenda protexida e anula as resolucións que rexeitan as axudas aludindo a criterios de interpretación contrarios a dereito

Comentarios