Milleiros desafían o temporal para se solidarizar con Carlos e Serafín e pedir que non vaian a prisión

Miles de persoas marcharon na cidade olívica para pedir o indulto para os 2 traballadores condenados a tres anos por participar nun piquete informativo durante a folga do transporte no 2008.

Manifestación en Vigo contra a represión
photo_camera Foto: M.Mera

'Defender os dereitos da clase traballadora non é delito''. Tras esta faixa, e baixo unha chuvia que pasaba da bategada á miluvia, milleiros de persoas (máis de 5.000 segundo a organización) pediron que Carlos Rivas e Serafín Rodríguez non entren en prisión para cumprir a condena de 3 anos de cárcere por tomar parte nun piquete informativo en 2008.

A mobilización, con persoas procedentes de diferentes partes de Galiza, estaba convocada polas tres centrais sindicais, CIG, CCOO e UGT. Saíu da Praza dos Cabalos para finalizar na Farola de Urzáiz. No traxecto, un mar de paraugas combinábanse cun océano de bandeiras e coas palabras de orde de solidariedade operaria e contra a represión sindical'. Entre os presentes, os secretarios xerais das tres organizacións convocantes e diferentes cargos e responsábeis do BNG, Anova, IU e PSdeG.

Non son delincuentes 

A comparecencia de Cristina de Borbón ante a Xustiza o día antes da manifestación tamén era causa de comparación entre algúns dos asistentes. Carlos e Serafín condenados a tres anos por un piquete e a piques de entrar en prisión. A infanta, acusada de fraude fiscal e blanqueo de capitais, voando rumbo a Suíza.

Na manifestación tomaron parte persoas procedentes de diferentes comarcas de toda Galiza

A solidariedade con estes dous traballadores non só ten reflexo nesta manifestación. A campaña de recollida de sinaturas para que os indulten (o goberno denegou ese indulto hai uns meses mais volve reiterarse a solicitude con carácter de urxencia) xa superou as 4.000 firmas.

Emoción

Finalizada a manifestación, deuse lectura a un comunicado conxunto das tres organizacións sindicais. Despois, tomaron a palabra estes dous traballadores que, emocionados, agradeceron o apoio das e o dos presentes e das súas familias.

O BNG levou o tema ao Parlamento galego, procurando que a Cámara apoie a petición de indulto

Ambos os dous volveron proclamar a súa inocencia. Lembran que en abril de 2008 formaban parte dun piquete con 80 persoas máis que estaba na zona da rotonda de Bouzas. A policía española identificounos e advertiulles que nos vindeiros días recibirían unha denuncia. Carlos e Serafín aclaran que neste día non houbo incidente algún, nin danos nin enfrontamentos. A identificación acabou nos xulgados e nunha condena en 2009 por “un delito contra os dereitos dos traballadores”. Tres anos de prisión, a máxima posíbel por ese delito. En 2011 a Audiencia de Pontevedra ratificou o fallo. Ese que os obrigará a entrar no cárcere da Lama.

Comentarios