Milleiros de cacharelas prenderán Galiza no solsticio de verán

Na noite do lume novo o noso país recupera unha das súas tradicións máis ancestrais vencelladas á cultura pagá do culto á natureza e o sol. Imaxe: Castelao

"Salto por riba do lume de San Xoán, para que non me morda cadela nin can"

 

Galiza arderá no lume novo de milleiros de cacharelas. Vilas, cidades e aldeas de todo o país preparan xa as lumeiras e ritos que conmemoran o solsticio de verán. Unha festa pagá --cristianizada como San Xoán-- mais na que perviven moitas tradicións ancestrais vencelladas á auga, ao lume, ás herbas e a unha parte dos restos arqueolóxicos como a Pena de Rodas en Outeiro de Rei (Lugo) ou o monte dos Remedios en Moaña. 

Lendas e refráns recuperan a orixe etnográfica da festa

"Na noite de San Xoán parecen realizarse tódalas marabillas. Acéndense nas cidades, vilas e aldeas as tradicionais lumeiradas, arredor das cales canta a mocidade, baila e brica por riba das chamas; pasan logo os gandos para que reciban o orballo de San Xoán, cando xa as fogueiras esmoreceron, facendo que as redes reciban o remol aínda fumegante; póñense ó relento herbas e plantas recendentes, mergulladas en auga, e nesta auga sandadora lávase á mañá seguinte toda a familia, na crenza de ver curadas as erupcións do cute que padecen; tómanse ás doce da noite as nove ondas do mar  polos que viven perto; non poucas persoas acoden á praia máis cercana, malia teren que percorrer unha distancia de dúas a tres légoas para recibir as salutíferas ondas; chimpándose nove veces ó río os ribeiráns do Miño ó dar as doce da noite, cren que esas ablucións lles serán beneficiosas". 

Así recollía Eladio Rodríguez González no seu Breviario algunhas das tradicións desta noite máxica cuxa orixe --canto á festividade-- se remonta a épocas pre-históricas. Após séculos en que a xornada foi asumida polo almanaque cristián, milleiros de persoas no noso país continúan a render culto a unha tradicional festa pagá en que a auga e o lume se tornan místicos co solsticio de verán. 

A mitoloxía animada

Penedos, encrucilladas, castros e outeiros convértense en espazos de culto recuperando os aqueles en que, milleiros de anos atrás, eran os lugares onde fadas, meigas e diaños aparecían para faceren seus conxuros e feitizos. Moitos destes emprazamentos foron ocupados pola cristiandade e transformados en altares e cruceiros mais a súa orixe etnográfica sitúaos perto das relixións pagás que rendían culto ao sol e á natureza. 

O descoñecemento --nas culturas pasadas-- da mecánica do sistema solar --que percorre a viaxe entre o verán e o inverno-- deixou no noso país unha importante pegada e unha forte mitoloxía anímica, embora boa parte desta tradición estea a esmorecer. No entanto, a transmisión oral deixa numerosas lendas e un abondoso refraneiro que ainda emerxe ao pé das cacharelas.

Comentarios