Milleiros de afectad@s polas preferentes seguen agardando unha solución após máis dun ano de conflito

Arredor de 60.000 persoas aínda non puideron recuperar os seus aforros. Desde as plataformas advirten que as súas protestas "poden ir a máis" pois está a se lles "rematar a paciencia". O vindeiro día 9 o Supremo emitirá un ditame a respeito da maior fraude coñecida na Galiza

Imaxe cedida pola Plataforma. Pleno de Nigrán
photo_camera Imaxe cedida pola Plataforma. A policía bate contra @s estafad@s no pleno de Nigrán

Após máis dun ano en loita diaria, afectad@s polo calote das preferentes e subordinadas continúan á espera dunha solución para a maior fraude que se coñece en Galiza. Con protestos cada vez máis importantes, centran as súas mobilizacións nos plenos municipais na procura do apoio insititucional que lles foi negado na Xunta e en Madrid. 

O último Concello en ser tomado pol@s afectad@s das participacións preferentes e subordinadas foi o de Rois, na Coruña. a corporación municipal decidiu finalmente suspender a sesión "en apoio" @s estafad@s. Alcaldes do Partido Popular como o de Cangas ou Moaña amosaron publicamente o seu apoio ás Plataformas após unha cascada de manifestacións que inundou os plenos de boa parte das comarcas do país. Porén, as mostras de solidariedade por parte d@s rexedor@s populares non se traduciu até o momento nun posicionamento institucional, firme, a prol da devolución íntegra dos seus aforros. 

Embora o Parlamento galego aprobara por unanimidade unha "declaración institucional" contra a quita imposta polo Goberno de Mariano Rajoy. O goberno español impuxo a milleiros de persoas a perda do 47% dos fondos depositados de maneira fraudulenta neste tipo de produtos financeiros. Desde as plataformas aseguran "non estar dispostos" a que a entidade financeira "quede co noso diñeiro" e aseguran que continuarán coas mobilizacións até que lles reintegran "íntegramente" o diñeiro roubado. 

Unha arbitraxe en favor da banca
Até o momento unhas 16.000 persoas puideron recuperar parte dos seus aforros a través do procedemento de arbitraxe posto a andar pola Xunta de Galiza. Porén, denuncian que algúns dos casos máis graves non foron atendidos por esta vía. 

A arbitraxe non conta un protocolo formal e deixa a decisión dos casos que poden acollerse a ela en mans da propia entidade financeira. "A min chamáronme", explica en declaracións aos medios de comunicación Ana Cedeira da plataforma da Coruña mais, salienta, "a xente de 80 ou 90 anos con demencia senil, non". 

Neste senso, exixen que se reanude esta vía mais demandan unha "arbitraxe neutral" e cun "criterio" preestabelecido que impida a NGB descartar os mais dos casos. "Como hai xente moza con subordinadas que resolveu o seu caso e xente no paro e con preferentes que non?", se preguntan @s afectad@s. 

Á espera dunha solución real e colectiva para esta estafa, o vindeiro 9 de maio o Tribunal Supremo posicionarase a respeito deste calote que afecta a millóns de persoas no Estado español, a maior parte delas na Galiza. Até o momento, máis de 200 sentenzas fallaron a favor das aforradoras e aforradores, mais un ditame favorábel da máxima instancia podería sentar as bases dunha solución para tod@s el@s. 

Comentarios