Miguel Barros preséntase ás primarias de Compromiso para Vigo

Miguel Barros anunciou en rolda de prensa que optará en primarias á candidatura para a alcaldía de Vigo por Compromiso por Galicia. 

Rafael Cuiña e Miguel Barros
photo_camera Rafael Cuiña e Miguel Barros

Coñece xa o concello de Vigo por dentro xa que tomou parte da súa corporación entre os anos 1981 e 1993 como membro do grupo do PSOE. Agora Miguel Barros opta a ser candidato de novo á alcaldía do Concello de Vigo e con ese fin preséntase ás primarias que convoca Compromiso por Galicia, organización da que é membro da súa executiva local. 

En roda de prensa e acompañado de Rafael Cuiña, coordinador Provincial de CxG, Miguel Barros afirmou que, despois de 30 anos no PSOE, atopara agora o seu lugar en política, nun “galeguismo federal e progresista”. Defendeu a opción de CxG, como “esencial para o futuro de Galicia, un pequeno partido agora pero imprescindible que teña peso para construír un País máis libre e máis xusto”. Coa bandeira da “ética e honestidade” que prometeu se resulta candidato, Barros debuxou unhas liñas xerais para a súa política municipal que pasan por “recuperación do orgullo histórico de Vigo como lugar de traballo colectivo, de creación de empresas e postos de traballo, e non de perder a inxente cantidade de aforro galego que marcha fóra do País”

Situado sempre no sector galeguista do PSOE, Miguel Barros conta cunha dilatada traxectoria política na que ocupou tamén o cargo de secretario comarcal dun partido no que militou de 1978 a 2006  e polo que foi tamén deputado no Parlamento de 1981 a 1993. 

Comentarios