Méndez pide protección para ir ao parlamento e chama “grupos de presión” ás vítimas das preferentes

José Luis Méndez chama ás plataformas de afectad@s polas preferentes "grupos de presión", malia el mesmo ter liderado durante anos un lobby como o de Iñás. O ex director xeral da caixa que perdeu 1.800 millóns no tixolo durante a súa xestión comparecerá esta sexta feira xunto a Gayoso, Varela e Pego.

caixa, méndez
photo_camera Méndez, Gayoso, Feijóo, Varela e Pego

Mergullada na polémica debido á obstrución á hora de acceder aos documentos que denuncian as forzas opositoras, a Comisión Parlamentar que investiga a fusión e desfeita das caixas galegas vivirá esta sexta feira a súa sesión máis esperada, posto que comparecerán os que foron directivos das entidades durante anos e as levaron á ruína, alén de se asignaren a si propios unhas millonarias e escandalosas indemnizacións e teren responsabilidades directas na estafa das preferentes. Por estas razóns, espérase que sexan moitas as persoas que acudan ás portas do Hórreo para expresar a súa protesta, razón pola que os antigamente todopoderosos señores das caixas agora solicitan protección á policía ante a presenza de manifestantes.

Así, nunha carta dos seus avogados, o ex director de Caixa Galicia, José Luis Méndez, pediu “protección” á Xunta  para “non ter problemas á chegada ao Parlamento”, polo posíbel encontro co que el define como “grupos de presión”. Segundo publica La Opinión de A Coruña, Caixa Galicia tería perdido 1.800 millóns de euros en investimentos especulativos co tixolo durante a súa xestión, desastre que condenou o músculo financeiro galego, pero que non lle impediu a este alto executivo retirarse cunha xubilación de varios ceros.

Xunto ao ex director de Caixa Galicia e líder dun auténtico grupo de presión como foi o chamado lobby coruñés ou de Iñás, comparecerán esta sexta feira na Cámara autonómica o que foi presidente de Novacaixagalicia e máximo responsábel de Caixanova antes da fusión, Julio Fernández Gayoso; Mauro Varela, ex presidente de Caixa Galicia e que tamén foi presidente de NCG; e o ex director xeral de Caixanova e de Novacaixagalicia, José Luis Pego.

Comentarios