Méndez e Gayoso responden no Parlamento da súa xestión nas Caixas

A de hoxe é sen dúbida a máis agardada sesión da comisión que está a investigar a xestión das caixas galegas. Os seus máis altos directivos comparecen diante do Parlamento e terán que explicar, entre outras cousas, a venda de preferentes e o cobro de indemnizacións. 

Miguel Santalices, presidente da comisión parlamentar, recibe ao exdirector de Caixa Nova, Julio Fernández Gayoso
photo_camera Miguel Santalices, presidente da comisión parlamentar, recibe ao exdirector de Caixa Nova, Julio Fernández Gayoso

Máxima expectación hoxe no Parlamento ao seren chamados a declarar na comisión que está a investigar as caixas galegas coa intervención dos máis altos directivos das entidades que terán que responder da súa xestión e do cobro de grandes indemnizacións polas que terán tamén que responder xudicialmente. Ás dez da mañá o ex director xeral de Caixanova e expresidente de Caixanova e Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso a quen seguirá o expresidente de Caixa Galicia e Novacaixagalicia, Mauro Varela. 

Na sesión de tarde, está prevista a intervención de José Luís Méndez, ex director Xeral de Caixa Galicia e o ex director Xeral de Caixanova e Novacaixagaliza, José Luís Pego. 

Os catro directivos terán que responder á súa xestión á fronte das caixas, á venda masiva de accións preferentes e subordinadas e ao cobro de millonarias indemnizacións ás que se viron na obriga de responder tamén vía xudicial. 

Agárdase que, dada a relevancia da sesión e a presenza dos máximos responsábeis das Caixas, diante do Parlamento se concentre un numeroso grupo de vítimas das preferentes, que teñen xa convocada unha concentración de nove horas o próximo sábado na Praza do Obradoiro co lema “O goberno do PP rouba aos aforradores para rescatar á banca. Devolución do 100% dos nosos aforros” . 

Comentarios