Medio cento de Sermos Galiza na rúa!

A piques de cumprirmos un ano en papel, o número 50 do semanario xa está nas rúas. Nas páxinas interiores dámoslles voz ás persoas que nos len de cuxas achegas apañamos folgos para irmos corrixindo os erros

Máis un Sermos Galiza á venda nos quiosques e na nosa loxa virtual. Desta volta, coas familias do Ofimático (A Coruña) como tema da semana. Eirís e Elviña están a piques de se converter nunha pelotada urbanística coa que o goberno de Carlos Negreira pretende beneficiar os interess do xefe da patronal galega, Antonio Fontenla. Os danos pagarano 14 familias que serán despexadas das súas vivendas para contruír dun Parque ofimático. 

Para alén de Negreira e Fontenla, algún outro dirixente político e empresarial do país ten oco nas nosas páxinas. Na sección de economía botamos a ollada ás hemerotecas e recuperamos algunhas 'frases célebres' que persoeiros como Núñez Feijóo, Fernández de Sousa ou José Luís Méndez quixesen borrar. 

En política confrontamos o pacto das nacións cos pactos de Estado. Amaiur, ERC e BNG amosaron publicamente esta semana que partillan un obxectivo común, a ruptura democrática cun modelo de Estado en crise e inviábel.

Con Xabier Aboi, responsábel nacional da CIG-Mar valoramos o que supuxo para Galiza o rexeitamento do acordo entre a UE e Mauritania, un “verdadeiro varapau” para a comisaría europea de pesca e para a propia conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana. 

Falamos con Xosé Manuel Budiño do seu novo disco, Sotaque

Nas páxinas de deportes avaliamos os resultados tirados da Liga de fútbol profesional para as equipas galegas. Celta, Dépor e CD Lugo teñen novos retos por diante. 

Xosé Manuel Budiño achégase á nosa sección de Cultura onde nos fala do seu novo proxecto Sotaque no que di tentou “voltar ao tradicional” mais “sen deixar de compoñer”. 

Todos estes contidos e moitos máis no número 50 do Sermos Galiza, á venda desde esta sexta feira nos quiosques do país e desde xa na nosa loxa. 

Góceno!

Comentarios