O Ministerio denega bolsas a estudantes que cumpren os criterios de asignación

Así o denunciaron as organizacións estudantís nacionalistas (Comités e LEG) após teren notificación dalgúns dos máis de 1.500 casos que se deron no conxunto do Estado español. O BNG exixe explicacións ao ministro Wert en Madrid e advirte que se pode tratar dunha "forma máis de recortar" nas axudas ao estudo. 

estudante

As organizacións estudantís nacionalistas denunciaron através das súas webs oficiais que o Ministerio de Educación español está a denegar as bolsas de axuda ao estudo para o curso 2013-2014. Segundo recollen en senllos comunicados os Comités e a Liga Estudantil Galega, "milleiros" de estudantes estarían a recibir correos electrónicos procedentes do MEC en que se lles notifica a denegación da axuda, mesmo naqueles casos en que o alumnado cumpre cos requirimentos exixidos para a obtención da mesma. 

"No seu empeño por elitizar o ensino e impedir á entrada da xente máis humilde na universidade, o ministro de educación está disposto a saltarse a súa propia convocatoria de bolsas", advirten aliás desde a LEG pois os avisos recibidos pol@s estudantes outorgan un prazo de 15 días naturais --isto é, contando feriados e fins de semana-- para remitiren a información complementaria que o Ministerio solicita ou, no seu defecto, para presentaren unha alegación formal á bolsa denegada. 

Neste senso, desde os Comités denuncian que esta limitación temporal coincide co período de vacacións do estudantado e "as universidades están fechadas no nadal". Unha medida que, entenden as organizacións estudantís, visa dificultar a tramitación das alegacións ou, mesmo, que moit@s alumn@s non poidan recorrer. 

"Esta situación é intolerábel e propia dun desgoberno que só busca denigrar os servizos públicos para que o discurso de que o sector privado é a única alternativa cale fondo na xente do común", afirman desde a Liga. Así, as organizacións estudantís informan nos seus portais web e redes sociais de cal é o procedemento legal para reclamar.

O BNG exixe explicacións ao Goberno español
Perante as denuncias do estudantado, a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha pregunta dirixida ao ministro de Educación, José Ignacio Wert, na que exixe explicacións ao goberno español a respeito da denegación masiva de axudas. Neste senso, salienta no texto remitido á Mesa do Parlamento a deputada nacionalista, o "insólito" que resulta a fixación de "15 días naturais" como prazo para a presentación de alegacións "que non hábiles", di, "en pleno período natalicio". 

Así, o BNG, denuncia a "falta total de transparencia" e o "proceder escurantista e opaco" do executivo español non só a respeito dos últimos acontecementos, senón, acrecenta, "por todo o que vén ocorrendo desde hai un ano e medio" en relación coas bolsas de axuda ao estudo. Para a organización frontista, estas notificacións remitidas polo MEC poderían tratarse de máis unha forma "de recortar" as axudas polo que exixen explicacións ao responsábel de Educación. 

Comentarios