OPERACIÓN ZETA

Mato non se presenta ao acto de conciliación e Crespo tira por elevación contra Rajoy

Como era previsíbel, a conselleira de Traballo e Benestar non acudiu ao acto de conciliación pola querela apresentada contra ela polo suposto líder da Operación Zeta, o empresario coruñés Gerardo Crespo.

crespo

Beatriz Mato continúa no ollo do furacán. Após a xuíza ter remitido unha providencia á Xunta de Galiza para saber que cargos ocupaba entre 2008 e 2012 -os 4 anos en que supostamente se consumou a fraude dos cursos de formación-, a conselleira de Traballo e Benestar resolveu non presentarse esta quinta feira ao acto de conciliación pola querela por inxurias interposta contra ela por Gerardo Crespo.

O acto de conciliación ía decorrer no xulgado de instrución número 2 da Coruña.

Si que se apresentou o procurador da membro do goberno Feijóo. Explicou sucintamente que na súa opinión non hai materia querelábel porque as expresións proferidas por Mato en relación a Crespo foron parte do debate parlamentar e "non reúnen requisitos de tipo penal algún dos tipificados como delitos contra a honra".

Crespo, sobre Pachi Lucas: "É moi, moi amigo e protexido de Mariano Rajoy"

Quen si fixo acto de presenza no xulgado foi Gerardo Crespo. En declaracións á imprensa, o suposto artífice da trama reiterou os seus ataques a Feijóo, a quen acusa de mentir, recriminación que tamén dirixe á conselleira Mato. A tese de Crespo é que os cursos de formación contratados pola Xunta si que se realizaron e que está en condicións de demostralo. A investigación coida, por contra, que entre 2008 e 2012 facturou arredor de 20 millóns de euros (15 á Xunta, 5 á Administración do Estado) por cursos que ou ben non se impartiron ou se fixeron de forma irregular.

Crespo voltou a pór no albo a Pachi Lucas, o amigo íntimo de Feijóo, agora tamén baixo sospeita da xuíza. Desta volta, o empresario non se detivo en Feijóo e elevou o tiro a Rajoy. Dixo: "É moi, moi amigo e protexido de Mariano Rajoy" e engadiu: "Foi apadriñado por familias de Pontevedra onde está Mariano Rajoy".

O empresario dixo que recrutara Pachi Lucas "através das familias de Pontevedra" e que o fichara porque "me parece o mellor representante, o mellor comercial posíbel" e, alén de máis, porque conta "coas benzóns do presidente da Xunta".

Pachi Lucas sería, segundo a investigación, o conseguidor da trama. A xuíza teno agora baixo o foco e, de feito, na súa última providencia instou a unidade de delincuencia económica e fiscal da policía (Udef) a que a informase sobre que empresas ten ao seu nome.

Gerardo Crespo aínda está pendente de prestar declaración perante a xuíz. Cando foi chamado por esta, acolleuse ao seu dereito a non declarar. Dixo que non o faría até que a Axencia Tributaria completase o seu informe e el soubese o monto total da fraude que se lle imputa.

Comentarios