O cerco planta a Xunta e estuda novas mobilizacións en Portosín

Foi a policía quen cargou contra mariñeiros e deputad@s, após abanear os alcaldes, mais o que viu a conselleira de Traballo foi algo ben distinto. No Parlamento, esta cuarta feira Beatriz Mato referiuse a unha "tentativa de asalto ao Parlamento". Os representantes do cerco plantan a Xunta e convocan unha asemblea en Portosín para convocar novas mobilizacións.

anti
photo_camera anti

Beatriz Mato pronunciouse nestes termos durante a interpelación que lle dirixiu o deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo.

Fajardo acusou o PP de manter "secuestrados" os cinco mariñeiros do cerco que onte permaneceron fechados nunha estancia do Parlamento sen que ningunha persoa allea á cámara galega puidese acceder a eles. "O Parlamento galego secuestrou os responsábeis do cerco", espetou o parlamentar de AGE.

A resposta de Beatriz Mato foi, segundo Europa Press, a seguinte: "Lamento que o que ocorreu non foi un secuestro, senón unha tentativa de asalto ao Parlamento, tanto por alcaldes como por aqueles que os amparaban".

Esta terza feira, alcaldes de BNG, PSdeG e Anova concentráranse perante o Parlamento para denunciar a suba das tarifas de Sogama. Segundo a visión da conselleira, fixérono para asaltar a cámara galega. Os feitos desminten a membro do goberno Feijóo. Os Alcaldes colocáronse detrás de dúas faixas, pois canda os rexedores se achaban tamén afectados polas preferentes. Todo se precipita cando a policía coñece a información de que os mariñeiros do cerco se desprazan cara ao Hórreo desde San Caetano. Nese momento, alcaldes, deputadas, o portavoz nacional do BNG e preferentistas foron desprazados e abaneados polos efectivos policiais, que os empurrou cara á beirarrúa situada frente por frente ao Parlamento. Ninguén fixo o menor aceno de se dirixir cara ao edificio do Hórreo.

A delegación do cerco planta a Rueda e Quintana

Os armadores que acudiron esta cuarta feira á xuntanza convocada polo vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en San Caetano, abandonaron a reunión após presentarse nela a conselleira de Pesca, Rosa Quintana. 

Os cerqueiros deixaran claro na xornada de onte que non se reunirían con Quintana por lles chamar "vándalos" nos últimos días. A conselleira referíase así aos mariñeiros do cerco en relación aos protestos desenvolvidos en Vigo e A Coruña. 

Neste senso, a frota do cerco insistiu en que non se sentarían con ela coa que rexeitan negociar logo de lles dicir que "catro vándalos que tiran pedras non representan o sector". Os cerqueiros convocaron para hoxe unha asemblea en Portosín ás 18.30 horas nas que avaliarán a situación e convocarán novas mobilizacións. 

Comentarios