Marta Rivera, sobre o BNG: "Rosalía deixou de escribir en galego por culpa de xente como esta"

Marta Rivera, escritora que ten publicado toda a súa obra en español e que colabora con Galicia Bilingüe, cargou hoxe contra o Bloque Nacionalista Galego polas críticas realizadas pola formación frentista ao feito de ter sido ela a única literata convidada pola Xunta para homenaxear Rosalía con motivo do 8 de Marzo. En declaracións a Efe, a gañadora do Premio Planeta de 2011 afirmou que "Rosalía deixou de escribir en galego por culpa de xente como esta", en alusión ao BNG.
Marta Rivera
photo_camera Marta Rivera

Onte e hoxe, no seu twitter, Marta Rivera está a utilizar dúas liñas de defensa perante a indignación que ten levantado en amplos sectores da cultura galega a súa escolla como única escritora participante na homenaxe a Rosalía de Castro.

Por un lado, Rivera afirma que Rosalía escrebeu parte da súa obra literaria en español. Isto é obxectivamente certo. O que omite Rivera é que Rosalía actuou así, non en defensa do bilingüismo, senón porque a súa ambición era a de ser escritora profesional e no século XIX era materialmente imposíbel selo escrebendo en galego pois nin existía mercado nen industria editorial en Galiza na nosa lingua.

A segunda tese de Rivera, expresada hoxe, é que Rosalía deixou de escribir en galego "por culpa de xente como esta". A que xente como está se refire a colaboradora de Galicia Bilingüe, persoa que se ten caracterizado pola súa hostilidade contra as políticas normalizadoras da lingua galega? Está claro que non a ningunha formación nacionalista de masas, na altura histórica en que viviu Rosía inexistente. Entón? A quen se refire? Non o di, bota tinta de lura, mas non explicita o alvo dos seus dardos. Alén do máis, Rosalía nunca deixou de escribir en galego. De feito a lingua que utiliza na súa colaboración coa revista literaria portuguesa "Almanach das Senhoras", a unha altura tan serodia como 1884 (morre un ano despois), é a lingua galega. Un poema sobre cal era a verdadeira patria de Camões. Un poema sobre a irmandade galego-portuguesa.

Até cando escribía en español Rosalía dicía a respeito de Galiza: "Yo no quiero que mi patria muera"

Mesmo cando escribía en español (En las Orillas del Sar, 1884), Rosalía expresaba con clareza cal era a súa condición nacional. Así, no poema Jamás lo olvidaré, declama en alusión a Galiza: "Yo no quiero que mi patria muera". O fragmento é clarísimo "Y yo no quiero que mi patria muera/sino que como Lázaro ¡Dios Bueno! resucite a la vida que ha perdido/y con voz alta que a la gloria llegue/le diga al mundo que Galicia existe/tal llena de valor, cual tú la has hecho/tan grande y tan feliz/cuanto es hermosa". No mesmo poema alude implicitamente a España: "Y agena voluntad su imperio ejerce/en lo que es nuestro, cosas de la vida".

Fundadora da literatura nacional galega

Nen sequer é certo que Rosalía limitase o uso do galego á poesía. Tamén escrebeu prosa en galego. En 1866, publica Conto Gallego na nosa lingua, o que fai da autora de Follas Novas -libro que en si mesmo contén todos os xéneros literarios- a auténtica fundadora da literatura nacional galega.

En vida Rosalía foi obxecto de furibundos ataques polo seu uso da lingua galega por parte da burguesía galega máis españolista que contaba como voceiros os rotativos galegos La Concordia e El Avisador.

O ataque de Rivera ao BNG vén despois de a deputada nacionalista Ana Pontón ter rexistado unha iniciativa parlamentar en que se interesaba polas razóns que levaron ao Goberno galego a ter escollido unha escritora contraria á normalización do galego para homenaxear a Rosalía.

Pontón cualificou esta decisión do Goberno galego de "burla a Rosalía".

Comentarios