Mariñeiros do caladoiro mauritano asisten ao debate do acordo en Bruxelas

Un grupo de mariñeiros galegos asistirán ao debate sobre o acordo pesqueiro con Mauritania que terá lugar este luns no Parlamento Europeo.O secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, entrevistarase con diversos eurodiputados para defender os dereitos dos mariñeiros que faenaban no caladoiro mauritanio.
Concentración en Marin en apoio á flota
photo_camera Concentración en Marin en apoio á flota

O luns debaterase na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a ratificación do acordo pesqueiro entre a UE e o país africano e con ese motivo o responsábel de CIG-Mar irá a Bruxelas canda unha representación de mariñeiros que faenaban en Mauritania co fin de manter xuntanzas con diversos eurodiputados. Mália a relevancia do debate, ningún representante da Xunta ten previsto desprazarse a Bruxelas e serán os propios mariñeiros xunto co responsábel da CIG-Mar a única delegación galega que, convidada pola deputada nacionalista Ana Miranda, esté presente no Parlamento Europeo. 

Xabier Aboi ten previsto transmitir aos eurodiputados as consecuencias que para a flota galega tería a expulsión do caladoiro no caso de que o acordo fora ratificado. A delegación viaxa a Bruxelas convidada pola eurofiputada do BNG, Ana Miranda que coñeceu directamente a situación dos mariñeiros nunha xuntanza que mantivo con eles no recente peche que protagonizaron no Concello de Marín.

“Até onde nós sabemos” nin o Estado español nin a Xunta de Galiza enviarán representacións a Bruxelas “ denunciou Xabier Aboi, ao tempo que detacou a relevancia da decisión que se tome no Parlamento Europeo para centos de familias que viven do mar.

Os mariñeiros reclaman renegociar o acordo que expulsa á flota galega. Segundo denuncian, o acordo supón un maior desembolso para a UE que o anterior mália marxinar aos barcos galegos que faenaban en Mauritania.

O pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Bruxelas asinou no verán un protocolo de acordo pesqueiro con Mauritania polo que destina uns 67 millóns de euros a este país como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros deste país. 

Nos últimos anos, a frota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo.

Comentarios