'A Mariña branca': Unha maré bate a costa de Lugo en defensa da sanidade pública

Asembleas abertas, palestras, concentracións... a comarca mariñá non para de se mover contra os recortes en servizos, persoal e prestacións. E advirten, “non imos ficar de brazos cruzados perante a privatización da sanidade”.

Hai uns días o 90% dos médicos do Hospital da Costa, de Burela, asinaba un escrito no que denunciaba o deterioro de servizos e prestacións neste complexo, cos efectos que iso tiña sobre a calidade asistencial aos e ás usuarias. Era algo máis que un toque de atención ou un aviso a navegantes. Era unha pinga máis na pingueira que desde hai meses se vive na Mariña na defensa da sanidade pública e contra a política da Xunta.

As privatizacións “xa se comen practicamente a metade dos orzamentos” do Sergas

Se en Madrid se fixo famosa a 'maré branca' contra a política privatizadora do goberno rexional, no norte de Lugo teñen A Mariña Branca. Teñen feito concentracións, manifestacións, palestras, protestos, escrachos, actos lúdico-reivindicativos. E non pensan parar.

De 6 a 13 de marzo

Así, entre o 6 e o 13 de marzo no Hospital da Costa decorrerán asembleas abertas. Que terán un broche de ouro o 14 deste mes, cunha concentración. E advirten: “Se o Sergas non paraliza a privatización do servizo de esterilización, muda a súa política sanitaria de deterioro da sanidade pública galega en xeral e na Mariña en concreto; e senta a negociar coas organizacións sindicais na mesa sectorial convocaranse manifestacións para o día 26 de marzo”. Nesta dinámica están varias organizacións sindicais (CIG, CCOO, UXT, CSI-F, Sesm, Omega, Sae...) mais tamén se mergullan colectivos veciñais, plataformas sociais, entidades...

“Malia dicir que as privatizacións son boas para o sistema, en ningún momento presentaron un informe que xustifique esa medida”

A débeda do Sergas triplicada con Feijóo 

Desde a chegada de Feijóo ao goberno da Xunta case se triplicou a débeda do Sergas, denuncian estes sindicatos. Pasou dos3.600 millóns de euros daquela aos 9.400 millóns actuais. As privatizacións “xa se comen practicamente a metade dos orzamentos” do Servizo Galego de Saúde e denuncian que o que se está a facer é “hipotecar o futuro da sanidade pública”.

Lembran que o propio Consello de Contas dixo que os gastos na xestión privada disparáronse un 100% respecto á pública, “achacábel a un aumento das exploracións, e que, desde 2009, se privatizou a construción do hospital de Vigo, os plans directores dos complexos hospitalarios de Ourense e do Salnés, a central telefónica de cita previa,  a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, o mantemento de equipos a plataforma loxística de medicamentos, o arquivo de historias clínicas a atención so accidentados leves d e tráfico, as telecomunicacións e agora están a piques de facer o mesmo co servizo de esterilización”.

Comentarios