17 DE MAIO

Milleiros de persoas secundan a convocatoria de Queremos Galego contra os ataques ao idioma do País

Máis de 25.000 persoas, segundo a organización convocante, encheron as rúas de Compostela para rexeitar os ataques ao galego e reivindicar o dereito a vivirmos na lingua propia da Galiza

A Alameda compostelá rebordou de xente
photo_camera A Alameda compostelá rebordou de xente


Compostela foi neste día a gran barca de pedra en que embarcaron milleiros e milleiros de persoas para, secundando a convocatoria de Queremos Galego, facer fronte aos ataques ao idioma e reivindicar o dereito a vivirmos plenamente na língua do país. Non só a Praza da Quintana, punto final da manifestación, ficou pequena para acoller a maré de xente que acudiu á capital da Galiza para, no Día das Letras Galegas, deixar ben claro que o idioma segue vivo. Tampouco na Alameda e contorna (Porta Faxeira), punto de partida, non collía unha agulla. Millares de persoas (unhas 25.000 segundo a organización) procedentes de todos os recantos do país quixeron estar presentes en Compostela para amosar que hai un pobo que non vai permitir máis agresións contra o seu idioma. A cidade rebordou de paixón polo galego. 

Unhas 25.000 persoas encheron Compostela de orgullo polo idioma

As escasas prazas nos aparcadoiros subterráneos e a gran animación nas rúas e locais hosteleiros próximos á Alameda na media mañá xa prognosticaban unha asistencia espectacular, unha maré humana que quixo responder coa súa presenza na cidade a un novo intento de censura, desta vez do concello de Santiago, a un acto polo galego. Compostela está en plenas festas da Ascensión, mais a festa decorreu neste día entre a Alameda e A Quintana.

Música de gaitas e batucada ao ritmo de “Trópico de grelos” poñían banda sonora a unha gran serpe multicolor en que eran constantes os berros de “Na Galiza, en Galego”, non por clásicos, menos contundentes ao soar polas estreitas rúas da zona vella. Faixas con todos os lemas imaxinábeis, desde “O galego é a nosa lingua propia” até “Paremos o decreto contra o galego” (esta, acompañada polos Bolechas) pasando pola de “Queremos vivir en galego” ou “Galego, lingua de revolta e pracer” ou “A nossa língua é internacional”, que abría o cortexo do Bloco Laranja, partidario do “portugués, o galego máis heavy”. Mais non era día de diferenzas ortográficas, senón de unidade na defensa do idioma do país. Alén diso, houbo unha ampla presenza de organizacións e entidades de todo tipo, así como de partidos políticos e sindicatos, aínda que as máis numerosas eran as do campo do nacionalismo.

 Do Ortegal ao Miño

Xosé veu coa súa compañeira e fillo desde Ortigueira, mentres que Ana arribou a Compostela desde A Guarda en compaña dunhas amigas. Ambas as dúas persoas coincidían en que estaban alí “por algo tan simple como defender o noso idioma”. “O mero feito de ter que explicar o que fas aquí xa indica que non estamos nunha situación de normalidade”. Tamén Carme, de Vigo, deixaba claro que “hoxe somos moitos, dá gusto, pero tiñamos que ser moitos máis, porque o galego aféctanos a tod@s”. Unha reflexión que comparte Anxo, dunha pequena vila de Ourense, cando reflexiona que “temos que romper coa idea que hai na sociedade de que isto de defender o galego é só cuestión dos galegofalantes. É de tod@s @s galeg@s. Ou cando arderon as Fragas do Eume era algo que só lle tiña que importar aos veciños dalí e aos que foron visitalas algunha vez?”.

A mobilización decorría a bo ritmo, entre cánticos, consignas e música. Ao entrar na cidade vella pola Porta da Mámoa, as inevitábeis fotos e preguntas de turistas. E a resposta amábel mais contundente dunha persoa maior con adhesivo da CIG: “Somos galleg@s que estamos aquí defendiendo el gallego de los ataques de algunas instituciones gallegas. Y se lo digo en no gallego, mire” (risas até do turista “preguntón”).

Colgado o cartel de completo

A popa da manifestación aínda andaba pola Rúa do Hórreo e xa a Praza da Quintana estaba medio chea. As chamadas da organización desde o palco eran constantes para ir deixando espazos libres na entrada para @s que estaban por chegar. E moitas persoas, finalmente, non puideron acceder por falta de espazo.

A música de Zurrumalla e Os Carunchos animaban desde o palco a entrada na praza. Seguían entrando de forma constante (nov@s e maiores, familias ao completo e grupos de amig@s, parellas, veciñ@s que acudían no mesmo carro, persoas soas mais que na Quintana formaron a gran familia polo galego…) cando Agustín Fernández Paz deu lectura ao manifesto “Voares de Esperanza”, escoitado, entendido e aplaudido a cachón.

E aínda intentaba entrar xente na Quintana cando Carlos Callón tomou a palabra. O presidente de Queremos Galego e da Mesa foi quen de transmitir o que moit@s sentían, arrancando apupos (ao mencionar a censura do concello, que mesmo prohibiu que no palco houbese máis de 15 persoas á vez, polo que até os propios fotógraf@s da prensa tiñan que facer quendas) ou aplausos (cando se referiu a persoas e colectivos que deron mostra de coraxe na defensa do idioma). Un discurso vivo que rematou con “Viva a língua galega” respondido por milleiros de persoas.

 Callón: “Un goberno que non acredita na súa língua e cultura non pode facer unha boa política”

 E Sermos

Sermos Galiza deu o salto ao papel nunha xornada tan significativa. Un número especial gratuíto foi repartido entre @s asistentes á manifestación. O propio Carlos Callón gabou que o galego volte aos quioscos, de que algúns semellan empeñados en quereren desterralo. Millares de exemplares foron distribuídos entre @s participantes na mobilización. A súa opinión e o seu apoio, xunto co de milleiros de galeg@s máis, serán á fin quen determinar se este idioma ten forza para estar presente en todos os ámbitos dun país que aspira a ter futuro, tamén no xornalístico.

A foto de portada é de Xan G. Muras. A do interior, de @adrianrbravo

Comentarios