Marcos Cadórniga: "Que nos absolvan non pode ocultar a ofensiva do estado contra traballadores e sindicatos"

Marcos Cadórniga é un dos tres sindicalistas absoltos esta terza feira pola Audiencia provincial tras seren codenados cada un a tres anos e un día de prisión. O sindicalista da CIG valora como "moi positiva" a absolución, sobre todo a nivel do entorno persoal, mais lembra que "segue a haber represión sindical"
Suso Seixo e Marcos Cadórniga
photo_camera Suso Seixo e Marcos Cadórniga

O ditame da Audiencia Provincial é claro, as persoas que foran condenadas a prisión pola súa participación na folga de comercio e alimentación desenvolvida en 2009 en Pontevedra fican absoltas de todo cargo e non se admitirá recurso algún. Marcos Cadórniga, un dos sindicalistas da CIG condenados que tomaban parte da folga de fame iniciada hai dez días perante a Audiencia Provincial, lembra que a absolución non debe implicar baixar os brazos na loita contra a represión sindical.

Cadórniga agradece os centos de apoios e mostras de solidariedade recibidos ao longo deste proceso. Este mozo de Escairón valora a absolución "a nivel do entorno persoal, da familia, que levaba pasándoo mal este tempo. Mais tamén apunta, "e como sindicalista", que "é terríbel que tivese que pasar todo este tempo, o xuizo e as mobilizacións, para que a xustiza tomase unha decisión xusta".

Para Marcos Cadórniga, e malia absolución, "o problema que tiñamos onte seguímolo a ter hoxe: Queren reprimir e encarcelar a sindicalistas por defenderen o dereito á folga". Lembra este mozo os casos de Antolín Alcántara ou mesmo ao responsábel da CIG maltratado recentemente nunha comisaría de Ferrol.

Continuar

Para Cadórniga, coa absolución mostrouse que "a mobilización e a contestación social si serven", mais incideu en que o goberno español estase a peparar para unha verdadeira "ofensiva" contra o sindicalismo. Pon como exemplo "a modificación do código penal ou ben as novas taxas". O militante da CIG é partidario de manter a campaña contra a represión sindical "pois hai motivos de abondo"


Comentarios