O País de Nunca Máis pide xustiza para Galiza

Miles de persoas, nas sete cidades e en Foz, marcharon contra a sentenza da impunidade. Unha multitude nas rúas. Un enorme clamor cívico. O sentido berro de Nunca Máis abalou o país. Unha frase, entre moitas outras, pode resumir o espírito das marchas: "Raiba contra a inxustiza". Galiza ponse en pé contra unha sentenza que absolve inxustamente o Estado español.

NM
photo_camera Miles, na manifestación da Coruña

A sentenza que absolve o Estado foi este domingo 1 de Decembro obxecto dunha fortísima contestación social en Galiza, coas manifestacións convocadas simultaneamente nas cidades galegas pola plataforma Nunca Máis.

Que o Goberno que tomou a decisión de afastar o petroleiro das costas, o que provocou que o fuel chegase a todas as praias do país, fique impune coa resolución xudicial da Audiencia Provincial da Coruña provocou non só indignación, senón mobilización social para que se poñan en marcha novas iniciativas tendentes a que o crime non resulte sen castigo. Nese sentido, a plataforma Nunca Máis ten anunciado a presentación dun recurso perante o Tribunal Supremo, coa intención de esgotar todos os recursos legais, sen desbotar en absoluto ir ao Tribunal de Estrasburgo.

A evidente corrente de simpatía social cara á esta convocatoria, que xa foi patente onte quer en Balaídos quer en Riazor, resultou na asistencia de miles de persoas nas marchas.

As redes sociais foron tamén un clamor. Centos de chíos, de retuiteos, de compartilladas. Centos de fotografías testemuñaron o rexeitamento que a sentenza, que deixa impune as responsabilidades do Estado na xestión da traxedia, ten producido no noso país.

Mentres miles tomaban as rúas das cidades galegas, o PP realizaba unha reunión da súa xunta directiva galega, sedicentemente dirixida a resolver "os problemas reais" dos galegos, en expresión de Paula Prado, portavoz do partido, nun chío, nunha clara alusión a que aquilo que denuncia Nunca Máis, e secunda unha multitude de galegas e galegos, non constituiría un problema real da sociedade, a ollos da formación que lidera Feijóo.

As mencións críticas ao PP, ao seu papel na xestión do accidente, como este se transformou en catástrofe, e da xustiza española, cega á hora de adxudicar responsabilidades ao Estado, foron constantes nos cánticos das marchas.

25.000 en Ferrol

A manifestación máis masiva viviuse en Ferrol, porque na marcha, alén de protestar contra a sentenza da impunidade, se reivindicou carga de traballo para o sector naval, ameazado dunha nova reconversión, que sería probabelmente terminal.

Ao termo da marcha, o comité de empresa de Navantia anunciou que ía dar comezo a un fechamento no concello de Ferrol até o vindeiro martes.

A fotografía, da marcha de Santiago, coa faixa cabeceira, está tirada do twitter de Diego Boquete, @onosolar. As da Coruña son da autoria de @castelaoGZ. A fotografía de A Mariña é de @xoanbouza. A de Ferrol é de @IsidorioValeiro

Comentarios