O maquinista, en liberdade con cargos e sen pasaporte

Francisco José Garzón, o maquinista do tren accidentado en Angrois, ficou en liberdade con cargos após declarar por espazo de case dúas horas ante o xuíz. Garzón admitiu que cometeu unha imprudencia. O maxistrado retiroulle o pasaporte por espazo de 6 meses e inhabilitouno para conducir trens, tamén durante un tempo cautelar de 6 meses. Con todo, o maquinista esquiva o pior escenario para el, o ingreso en prisión imediato.

Prensa ante o xulgado, por @outes
photo_camera Prensa ante o xulgado, por @outes

O maquinista ficou en liberdade con cargos após declarar durante dúas horas. Iso si, e segundo informa El País, retiróuselle o pasaporte e terá que comparecer no xulgado unha vez á semana. Ademais, o maxistrado inhabilitouno para conducir comboios durante seis meses.

Francisco José Garzón entrou, esposado e custodiado pola policía, nos xulgados de Compostela por volta das 18:20 do domingo, a piques de se cumprir o prazo límite de 72 horas para ser posto a disposición xudicial. Unha vez dentro, os seus avogados estudaron por volta dunha hora o informe preliminar elaborado pola Policía Nacional. Só despois diso, Garzón pasou perante o xuíz instructor do caso, Luis Aláez. Perante o maxistrado declarou durante case dúas horas, respondendo ás preguntas do xuíz. Segundo diversos medios, Garzón recoñeceu ter cometido unha imprudencia. O xuíz decretou a súa liberdade con cargos.

O maquinista pasou a noite na Comisaría da Policía Nacional de Compostela, a onde foi trasladado por axentes despois de que o sábado pola mañá fose dado de alta no Hospital de Compostela, onde se atopaba desde o accidente ferroviario de Angrois, no que faleceron 79 persoas. Durante a súa estancia hospitalaria acolleuse ao seu dereito a non declarar.

Francisco José Garzón estivo no centro das criticas de Renfe e Adif desde un primeiro momento, sinalándoo como o responsábel do tráxico sinistro do 24 de xullo. A hipótese de exceso de velocidade e/ou despiste foi a barallada polas empresas ferroviarias. Mesmo se está a investigar as chamadas feitas desde o seu móbil nos minutos previos ao accidente por se das mesmas se pode desprender a existencia de despiste do condutor.

Caixas negras, sen abrir

Por outra banda, as caixas negras do Alvia sinistrado seguen aínda sen abrir e custodiadas pola Policía. O que vai atopar o perito nas caixas van ser tódolos datos de ruta do tren. Velocidade, instrucións dos semáforos e das balizas das vías, tódalas conversas que se produciran na cabina, datos de utilización dos freos e se o maquinista pasou por alto algunha instrución da folla de ruta. 


 

Comentarios