Galiza

O interventor chamou o maquinista para que parase en Pontedeume para baixar unha familia

O interventor chamou o maquinista para que parase en Pontedeume para baixar unha familia

O maquinista do comboio sinistrado declarou ante o xuíz a petición propria. Recoñeceu que a persoa coa que falaba por telefone minutos antes de descarrilar o tren era o interventor do proprio comboio, Antonio Martín Marugán. E o interventor recoñeceu a El País que chamara ao conductor para que facilitase o apeo dunha familia

accidente
photo_camera accidente

Francisco José Garzón deixou de falar por telefone co interventor que viaxaba no tren sinistrado apenas "segundos antes" de se producir o descarrilamento. Así o declarou esta mañá o conductor do comboio, segundo informa un comunicado de imprensa do TSXG.

O interventor recoñece en declaracións o diario El País que chamara o conductor para pedirlle que, cando chegase a Pontedeume, circulase por unha vía próxima á estación para facilitar a baixada a unha familia de viaxeiros con fillos.

De se confirmar que a chamada se prolongou até apenas "segundos antes" do descarrilamento, este podería ser eventualmente o motivo que produciría a desorientación e o despiste do maquinista, causa aparente da catástrofe.

O maquinista afirmou que "a conversa" co interventor "se centrou na vía onde parar ao chegar a Pontedeume", reza a nota de imprensa enviada polo TSXG.

De acordo cos rexistos da caixa negra, minutos antes de se producir o descarrilamento, Francisco José Garzón recibiu unha chamada no seu teléfone corporativo, no de Renfe.

Segundo o que declarou esta mañá o maquinista, a chamada quen lla fixo foi o interventor do comboio.

O condutor do comboio presentouse esta mañá voluntariamente no xulgado para alargar a súa declaración perante o xuíz, presumiblemente coa intención de esclarecer algúns dos aspectos da información fornecida polas caixas negras.

De acordo co que publica hoxe elpaís.es, e nas súas declaracións á policía, o interventor negou ter mantido ningún contacto co maquinista, nen persoal nen telefónica, nos momentos previos á catástrofe. No mesmo sentido pronunciouse o outro condutor do comboio, Javier Illanes Álvarez.

O xuíz pide información ás compañías telefónicas

De por parte, o xuíz demandou información "ás respectivas compañías telefónicas" en relación "ás chamadas entrantes, saíntes, mensaxes..." do móbil persoal e profisional do maquinista.

Sobre o móbil persoal, o xuíz ten solicitado que se complete a dilixencia xa realizada este domingo pasado cunha nova proba "através de expertos informáticos" visando saber "se manualmente se puido ter borrado información" do aparato.

O xuíz pide unha nova proba informática para saber se o maquinista puido borrar manualmente información do seu teléfone móbil

O xuíz dirixiuse aínda a Renfe para recabar "diferente documentación" en relación ao maquinista. En concreto, quer ter acceso á vida laboral do imputado (resultados de controis tóxicos realizados nos últimos anos na empresa e de probas de condicións psicofísicas, baixas médicas, experiencia no traxecto no que se produciu o sinistro, cursos). Inquire tamén sobre a que hora comezou a xornada laboral e o tempo efetivo de condución.

Máis aínda. Luis Aláez, xuíz instrutor, quer de Renfe acceso ao contido das caixas negras "doutros comboios que teñan realizado o mesmo percorrido, documentos sobre velocidades na liña, sobre a máquina e sobre a normativa de persoal en cabina".

Por derradeiro, Aláez solicitou de Adif "informe sobre o estado das vías e peraltes na zona do accidente, sinais e balizas físicas e luminosas no traxecto Ourense-Santiago, ben como do radio da curva".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

Máis en Galiza
comentarios