O maquinista está detido en dependencias policiais

O ministro de Interior informa que, após ser dado de alta no Hospital, a Policía trasladou a Francisco Garzón a Comisaría. O prazo para ser posto a disposición xudicial finaliza o domingo pola tarde.

Francisco José Garzón está detido en dependencias policiais baixo a acusación de ter cometido un delito de homicidio por imprudencia. Así o vén de confirmar na mañá deste sábado en Compostela o ministro de Interior. Fernández Díaz informou de que foi trasladado a instalacións da Policía unha vez que foi dado de alta no Hospital de Compostela, no que se atopaba desde o día do sinistro. O ministro dixo que está detido "porque hai indicios para iso" e apuntou a que rexeitou recibir atención psicolóxica.

O ministro español lembrou que o maquinista optou por non declarar na súa estancia hospitalaria: “Está no seu dereito constitucional a non facelo. A disposición xudicial pasa ás 72 horas, que vencería mañá (domingo) pola tarde”.

O ministro apuntou a que aínda hai 3 cadáveres pendentes de recoñecemento. Mais sinalou que “en moi pouco tempo” vai ser posíbel identificalas.

Feijóo e as catro preocupacións do goberno

O presidente da Xunta quixo agradecer a presenza en Galiza do ministro de Interior, “o cuarto membro do goberno español que nos visita”, en relación ao sinistro de Angrois.

Núñez Feijóo dixo que hai 4 cuestións que preocupan ao goberno “e ao pobo galego” en relación ao accidente de tren na curva da Grandeira: controlar a dimensión do accidente, tratamento axeitado do cento de ferid@s a ser atendidos polo Sergas, a identificación das vítimas; e as causas do accidente. O presidente da Xunta dixo que as tres primeiras foran cumpridas, "e o noso interese é escrarecer a cuarta".

"En Galiza temos vías de alta velocidade que mentres non estemos conectados totalmente con Madrid, non poden ser cualificadas de alta velocidade en toda a súa amplitude", finalizou Feijóo a intervención

Comentarios