Maquiavelo perde o seu mellor discípulo: Giulio Andreotti

Aos 94 anos finou en Roma Giulio Andreotti, 'Il Divo' ou 'Belcebú', entre outros alcumes. Sete veces primeiro ministro, a política italiana após a IIGM non se pode entender sen este político demócrata-cristiano. 

Andreotti

Gobernar non consiste en solucionar problemas, senón en facer calar a quen os provoca”. Esta foi unha das máximas (non a única, nin a máis preocupante, aí están as de “o poder desgasta a quen non o ten” ou a de “Está nos Evanxeos. Cando a Xesús lle preguntan que é a verdade, nunca contesta”) de Andreotti. Para uns Il Divo, para outros Belcebú. Este pequeno político democristiano foi primeiro ministro de Italia en sete ocasións. E desde 1991, senador vitalicio. Era a persoa que "estaba en todos os sitios, antes mesmo de que existiran os sitios" dicían del os seus críticos. Manobraba coa paciencia e o sixilo do raposo mais ao actuar facíao coa contundencia da cobra, dixeron algúns dos seus propios compañeiros da DC, Democracia Cristiana. o partido do 'orde' e o 'respecto' fronte o perigo comunista.

Giulio Andreotti entrou no Parlamento en 1946 e aí se mantivo até que abandonou. Foi o gran muxidor e demiurgo da política italiana após a II Guerra Mundial: manobrou o posíbel e imposíbel para desgastar ao daquela todopoderoso PCI (Partido Comunista Italiano). Para iso, alianzas coa igrexa, mafia, servizos secretos e mesmo extrema dereita terrorista. O todo val. 

Mais iso foi nos cincuenta e nos sesenta. A finais dos setenta, mesmo se sentan as bases para cun goberno de concertación entre comunistas e democristianos: PCI e DC. Todo se fana coa execución de Aldo Moro (dirixente democristiano) polas Brigadas Vermellas, unha actuación tras a cal houbo quen quixo ver a man de Andreotti.

Xulgado por cumplicidade coa Mafia

O final da súa traxectoria política foi xulgado por complicidade coa Mafia, unha das dúas institucións italianas (a outra, a igrexa católica) omnipresentes no país e nas que Andreotti entendeu que se baseaba a 'estabilidade' de Italia. Foi absolto polo Tribunal Supremo que revocou a sentencia primeira na que se lle condenaba a máis de 20anos de prisión. Foi un proceso longo e complexo e non exento de polémica. A acusación era de complicidade nun asasinato acontecido en 1979.

Con Andreotti marcha, destacan os medios italianos, unha forma de facer política digna das mellores ensinanzas de Maquiavelo. Poucos alumnos tivo á altura deste romano.

Comentarios