-Que razóns o levan a candidatarse para presidente da RAG?
En primeiro lugar porque creo no programa que propoño. Recibín ademais o apoio da maioría absoluta do plenario para que me presentase. A miña candidatura reivindica o traballo das executivas precedentes. A RAG logrou unha gran presenza social, reforzouse a súa estrutura interna e logrou un dinamismo que non tivera antes.
-A súa candidatura é entón herdeira da executiva de Ferrín?
Totalmente. Asumo de maneira radical a liña dos tres anteriores presidentes e a miña opción é, por tanto, continuísta, o que non quere dicir que non sexa revisionista. A RAG medrou e nese proceso sempre hai disfuncións que cómpre corrixir. Articularemos, por exemplo, as medidas para que sexa unha institución modélica e transparente.
-Como valora este tempo conflitivo na RAG?
Deume mágoa a imaxe que se transmitiu e iso levoume a decidir estar calado. A Academia non ten nada de que avergoñarse.
-Na executiva da cal vostede facía parte se denunciou a intención de control por parte do CCG e o ILG e presións para retirar o recurso.
Un dos puntos do meu programa é a garantía de independencia total da RAG, tanto a respecto dos poderes públicos como doutras institucións culturais .Ten que deseñar o seu programa sen imposicións alleas. É preciso, con todo, reclamar unha maior achega autonómica aos orzamentos, moi por baixo doutras academias, co fin de ter un funcionamento independente. A Academia recorreu ao Supremo por obriga, de non o presentar estaría facendo deixamento de funcións, e é posíbel que teña mesmo que recorrer diante de instancias europeas para defender os dereitos do galego. A RAG debe velar polos dereitos lingüísticos.
-E as acusacións de nepotismo?
A política de contratación era a mesma de antes. Non existía a práctica de sacar a concurso público os postos, que é algo que hai que facer. Para iso propuxen elaborar un protocolo, agora ben, non houbo ningunha contratación irregular. Todas son persoas capacitadas, con rendemento extraordinarios e comprometidas coa RAG. Á marxe de vínculos familiares hai vínculos profesionais e o papel destas persoas é incuestionábel.
-Pode resumir o seu programa de maneira breve?
Quero crear un clima de confianza, esforzarme na transparencia na xestión de asuntos da Academia. Velarase pola independencia e a conexión coa sociedade, con canles como a propia web mais tamén atenta ás chamadas do asociacionismo cultural cunha maior implicación,entre outras moitas liñas recollidas no programa. O que prometo é dedicación e moito traballo. Un presidente ten que estar a tempo completo, e por iso me sorprenden anuncios de absentismo. Con dous días non abonda para presidir a Academia.
-É posíbel un acordo das dúas candidaturas, antes ou despois da votación?
Despois vai ser difícil porque se vota a executiva completa. Fun o primeiro que anunciei a intención de me presentar e na carta que enviei xa recollía a vontade de integración. Nunca falei de bandos, o que si fixeron outros. Non teño ambición persoal e por min non vai ser que non se chegue a unha solución. Fácil non está, mais imposíbel tampouco. Polo de agora, non houbo ningún achegamento.
(Entrevista publicada no número 42 do semanario Sermos Galiza nos quiosques desde a pasada sexta feira)