Manifestación unitaria o día 19 na Coruña contra a monarquía e polo dereito a decidir

O día 19, día da proclamación de Felipe VI, unha manifestación unitaria percorrerá as rúas da Coruña co lema “Galiza pola República e polo dereito a decidir”. A iniciativa partiu da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. 

Unha xuntanza en réxime de auto convocatoria a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña decidiu convocar unha manifestación unitaria para o día 19 ás 20 horas na Coruña. Contra “unha monarquía en descomposición e ao proceso aberto para coroar nun tempo record ao sucesor de Juan Carlos” organizacións sindicais, políticas e sociais suman forzas co lema “Galiza pola República e polo dereito a decidir”. 

Representantes de BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG, Corrente Vermella, Causa Galiza, Nós-UP, Galiza Nova, XCG, CRMH, Ateneo Republicano, CCOO, CIG, Comités, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte Alto, 15-M da ría asistiron a xuntanza que tivo lugar esta cuarta feira na Coruña da que saíu a convocatoria da manifestación unitaria para o día 19, xornada na que está prevista a coroación de Felipe VI. “Pensamos que esa convocatoria unitaria é unha demanda da cidadanía que non podiamos defraudar”, defenden arredor dunha mobilización que quere amosar a oposición á sucesión sanguínea e a perpetuación da coroa e a defensa da República e o dereito a decidir, vontade que queda á vista no lema aprobado de maneira conxunta. 

A segunda feira adiantarán preparativos, organizacións que secundan a mobilización e outros datos nunha rolda de prensa convocada na Coruña. A iniciativa partiu da CRMHC que xa se ten manifestado contra a sucesión real que ten o seu fundamento nunha decisión tomada polo ditador Francisco Franco. 

Comentarios