Queremos Galego denuncia que a manifestación do Día das Letras pode perigar pola vaga represiva do PP

As políticas criminalizadoras do PP poden poñer en perigo a mobilización anual do Día das Letras. Así se manifestaron os representantes de Queremos Galego nunha rolda de prensa na que informaron da confirmación da sanción imposta polo Goberno español. “O PP non quere que saiamos en defensa do galego, mais non nos van calar”, dixo Carlos Callón. 

queremosgalego
photo_camera queremosgalego

A sanción confírmase. A Delegación do Goberno rexeita probas e testemuñas achegadas pola plataforma e continúa facéndoa responsábel das pintadas aparecidas despois da manifestación do 17 de maio. Segundo o escrito da Delegación de Goberno, un policía que se paseou polas rúas de Santiago antes da mobilización non viu as pintadas que si estaban ao remate da marcha. A conclusión é que Queremos Galego é responsábel malia non ter ningunha proba que identifique a algunha persoa da plataforma realizándoas. “Se isto for verdade, o cal habería que analizar con moita cautela, tamén nos temos que preguntar por que din agora que houbo ese suposto paseo policial e non achegaban esa información desde o comezo do procedemento sancionador”, sinalou Carlos Callón. 

A notificación da multa a Queremos Galego chegou canda as que recibiron outras entidades que neste ano convocaron mobilizacións en Compostela, entre elas, a Plataforma polo Dereito ao Aborto. Os escritos recibidos son idénticos e mesmo se chega a acusar a varias organizacións da mesma pintada. “Demostra que aquí non hai máis que un copia e pega por parte da Delegación do Goberno para criminalizar os movementos sociais que contestan as políticas do PP, o que eles consideran a súa lista de sospeitosos habituais”, defenden desde Queremos Galego. 

Retrocesos dos dereitos sociais 

A sanción toma parte, segundo Callón, dun proceso de retroceso nos dereitos sociais desenvolvido polo PP que leva, no caso da lingua a tempo nos que “estaba proscrito ou indefenso e a mobilización social era criminalizada sistematicamente”.  Para Queremos Galego, o PP tenta ano tras ano, evitar as mobilizacións na defensa da lingua e agora saben que cada convocatoria “se pode traducir en sancións inxustas, baseadas en argumentos falaces e claramente antidemocráticas”. Avisan tamén de que a chamada “Lei de Seguridade Cidadá” podería “chegar a tentar evitar a mobilización cidadá do Día das Letras en 2014”, alertou Carlos Callón nunha convocatoria que partillou con Bieito Lobeira, Marcos Maceira e Carlos García Vieito, membros de Queremos Galego. 

Comentarios