Movemento en Malpica contra o derrubo da Lonxa Vella e na defensa da memoria colectiva como vila

Case 600 sinaturas piden que non se derrube esta edificación de carácter racionalista construída nos 50 e que se rehabilite o conxunto para diversas utilidades. O Concello quer tirala para facer prazas de aparcamento.

Malpica

A Lonxa Vella de Malpica foi construída na década dos 50 do século pasado, sendo o expoñente das primeiras lonxas modernas na comarca. Unha edificación de carácter racionalista que fixo parte dun conxunto formado pola vella fábrica de xeo e que é parte da memoria colectiva de Malpica, representante clara da auxe da pesca de baixura nunha vila de forte identidade mariñeira. O Concello baralla o derrubo desta edificación para construír 20 prazas de aparcamento e un espazo de lecer e esparcemento, argumentando a carencia na vila de lugares de estacionamento. Un proxecto que suporía o investimento de por volta de 250.000 euros e que conta co visto bo de Portos de Galicia. A obra, de feito, xa está adxudicada.

Mais en Malpica non todos ven ben esta actuación. En poucos días xa se recolleron máis de medio milleiro de sinaturas en defensa da Lonxa Vella, á que consideran como “parte da memoria colectiva” da vila mariñeira e a contorna. Queren que este edificio se inclúa no patrimonio malpicán e, así pois, que pase protexerse. Mais non só demandan isto. Recoñecen que as instalacións están nun estado de abandono e deterioro, polo que urxen a acometer a rehabilitación do conxunto para que poida acoller diferentes usos.

Un referente

Na véspera de Reis (5 de xaneiro) Soledad Bugallo entregou un escrito no Concello no que advertía de que a “perda dun dos referentes do porto pode supoñer algo irreparable tanto para o conxunto das memorias  coma para o posible desenvolvemento local a través de novas estratexias e marcos de acción”. Un escrito do que agroma a campaña para recoller sinaturas.

“Noutros núcleos veñen de retomar e rehabilitar parte do seu patrimonio industrial mariñeiro e reconvertelo en propostas produtivas e culturais. Porén, Malpica opta por derrubar parte dun dos elementos máis salientables do pasado século, que pode ter unha oportunidade de rehabilitación e ser parte dunha proposta alternativa”.

Comentarios