Mallando no android, unha fiestra en galego aos telefones intelixentes

Os seus creadores veñen de ser premiados como o mellor blogue tecnolóxico en galego. Conversamos con Iago Varela, o seu editor

Google afirma que cada día máis dun millón de persoas no mundo empregan diariamente o Android, un sistema operativo para soportes móbiles desenvolvido a partir dun núcleo Linux. Aliás, cada vez un maior número de Smartphones ou telefones intelixentes son distribuídos no que está a converterse nun novo chanzo da sociedade da información e da comunicación. 

Neste contexto, un grupo de mozos deciciu botar a andar no noso país un proxecto encamiñado a achegar información sobre android na nosa lingua. Recoñecen que "en certa medida" son pioneiros pois até o momento non existe ningún outro "espazo especializado" en Galiza neste tipo de contidos, agás un outro blogue dedicado a sistemas operativos como Apple

Mallando no android son entre 7 e 10 persoas que publican, a través dun "modelo de colaboración aberto", todo tipo de informacións sobre "o lanzamento de novos produtos", eventos e mesmo probas con novos terminais e aplicacións para android. Iago Varela é o seu editor. Enxeñeiro de telecomunicacións lembra que a idea de crear este blogue xprde "dunha experiencia anterior", un portal (Mallando na e-ira), "no que falabamos de divulgación científica". "Cada vez viamos que nos centrabamos máis no android" e que @s leitor@s tamén demandaban maior información sobre este  sistema operativo e as súas aplicacións, embora neste último caso o noso país estea aínda á cola na programación. "Embora haxa pequenas empresas que se dedican á xeración de novas aplicacións, aínda é un mercado amateur que non está profesionalizado", apunta Iago. 

A partir desta idea inicial, xorde este espazo na rede visando informar das últimas novidades tecnoloxicas en galego. Segundo Iago Varela, a saúde do noso idioma na rede "sempre foi bastante boa" e mesmo "está indo a mellor". Asegura que a vontade de "situármonos no mundo" fixo que "nos esforzasemos por facer moito en galego"; aliás, o xurdimento de iniciativas como Blogaliza "impulsou moitos blogues" que empregan como lingua vehicular o galego e xeran un espazo virtual no que proxectar e normalizar tamén o idioma de noso. 

A información que publican é na súa maior parte de elaboración propia "como as probas dos novos produtos", mais entre un 20%-30% é elaborada a partir doutras publicacións, principalmente norteamericanas. Porén, non todo é información. A través das súas contas nas principais redes sociais (Facebook, Twitter e Google+) ofrecen unha atención máis personalizada. "Son a principal canle para resolver dúbidas", afirma, "a xente tamén nos di que buscan e nós facémoslles suxestións".

Malia que inicialmente comezou como unha iniciativa amateur, estes mozos buscan profesionalizar este espazo que xa se está a tornar nun referente. Así, anúnciannos que "este verán introducirán importantes novidades" no portal á fin de mellorar a calidade dun servizo que cada vez ten máis seareir@s no noso país. 

Comentarios