Medios públicos e privados de Galiza silencian o partido da selección nacional

Once galeg@s saltaron ao campo este sábado coa camisola da selección de Galiza para xogar un partido contra o Curdistán. Centos de persoas asistiron ao encontro e milleiros seguírono polas redes sociais. Mais nos grandes medios, tanto privados como públicos da Galiza, o silencio sobre esta cita histórica foi total
Galiza-Curdistán
photo_camera Galiza-Curdistán

O sábado xogou a selección vasca contra Bolivia. Os medios de comunicación daquel país, tanto públicos como privados, deron unha ampla cobertura ao evento, un partido que mesmo acaparou as portadas do domingo de varios xornais de Euskal Herria. Tamén o sábado xogou outra selección, a galega. Centos de persoas asistiron a Pontevedra para presenciar o encontro e participar nas actividades da programación de Siareir@s Galeg@s. E nas redes sociais ferveron hashtags coma o de #GalizaCurdistan. Mais os grandes medios presentes no país obviaron, sileciaron ou ningunearon o que tiña que ser o gran evento informativo do ano do deporte galego.

A sección de deportes dos grandes medios fala de Mourinho e até do consello de administración do Racing de Santander... do partido da selección de Galiza, nada ou case nada

Quen se achege aos xornais do domingo non atopará referenza algunha ao partido sa selección galega. As noticias céntranse no Celta, no Deportivo, no Obradoiro...mesmo en declaracións de Mourinho, adestrador do Real Madrid, ou nas leas de Lendoiro, presidente deportivista con Facenda. Incluso, como no dixital de La Voz, hai novas sobre o consello de administración do Racing de...Santander!. Do partido que xogou a selección galega, nada. Hai, iso si, unha pequena nova na sección de deportes do Faro na versión dixital: "Una selección gallega disputa un amistoso contra Kurdistán". Unha selección galega...unha. Cantas hai, logo?

Houbo partido, mais non o da selección nacional galega

Mais os grandes medios de comunicación si que resaltaron un partido xogado este sábado. O que celebraba o medio século de existencia do Compos, e que enfrontou a esta equipa contra "un combinado galego". Motivo de celebración, desde logo. Mais, só houbo ese partido o sábado?. Quen escoitar as radios, ver a televisión ou ler os xornais, semella que si.

Nen sequer desde a televisión e radio públicas de Galiza, que deberían estar comprometidas co deporte do país, hai excesiva mención ao acontecido. Entre o residual e o inexistente foi o tratamento. As seccións de deportes centráronse en analizar o estado das principais equipas galegas  ou o partido de homeanxe ao Compostela (nada que obxectar). Mais dos e das galegas que no campo da Xunqueira defenderon as cores de Galzia coa 'Irmandiña', nin mu. Até mereceu tempo nos telexornais a nova de que o Málaga, próximo rival do deportivo na liga, non voltara aos adestramentos e seguía de vacacións de Nadal.

Comentarios