Máis un Sermos Galiza nos quiosques

Os desafíos que enfrenta Venezuela após o falecimento de Hugo Chávez, a universidade entendida como un luxo ou os éxitos do rugby feminino galego centran a capa do número 38 de Sermos Galiza.

Sermos Galiza chega máis unha sexta feira ás rúas este 8 de marzo. A morte do presidente bolivariano, Hugo Chávez e o novo período aberto en Venezuela após o seu pasamento ocupan unha parte importante deste novo número. Dedicamos a este asunto unha dupla páxina, cun perfil do comandante da autoría de Xabier Pérez Igrexas, e o editorial. Porén, tamén pomos faciana ás dificultades do estudantado galego para accederen ao ensino superior logo de os sucesivos recortes e as políticas de privatización estaren a converter a universidade nun luxo para moit@s.

Aliás, as páxinas de política recollen a sombra das dúas maiores tramas de corrupción que afectan o Partido Popular e que veñen a se xuntar en Galiza após a policía española apuntase cara ao financiamento irregular do PP en Galiza como o punto de conexión entre os papeis de Bárcenas e a Gürtel. Xunto á crise que asolaga @s populares, Sermos Galiza afonda nunha das promesas electorais que abandeirou Feijóo en campaña e que semella esvaecer logo da Cámara da Industria naval mexicana ter afirmado que os floteis se construirán en no país azteca. Un capítulo máis na longa novela que afecta ao naval galego.

Neste número, xa nos quiosques, pomos o foco na conexión da Gürtel co PP galego

Abordamos tamén o escándalo que ten despertado no mundo da cultura galega a escolla por parte da Xunta da escritora Marta Rivera homenaxear a Rosalía de Castro co gallo do 8 de Marzo, ben como o nomeamento do director da AGADIC dunha persoa allea á cultura deste país.

No espazo da entrevista, debrúzase sobre as nosas páxinas César Mosqueira, membro do goberno municipal de Pontevedra, quen mostra a determinación do Executivo local por conseguir o desaparecimento da factoría de Ence da Ría de Pontevedra.

Todas estas novas e moitas máis nun novo número de Sermos Galiza que sae xa do prelo.

Comentarios