Máis de trinta comercios pecharon entre San Caetano e o Pazo do Hórreo

En dez minutos a paso lixeiro chégase de San Caetano ao Pazo do Hórreo, as sedes da Xunta e o Parlamento, unha liña recta que atravesa seis rúas nas que pecharon máis de trinta comercios. Os carteis de “alúgase” conviven con novos establecementos de orixinais liñas que abren buscando unha nova oportunidade. De terapias con peixes a comida siciliana. 

Comercio pechado
photo_camera Comercio pechado

O paseo atravesa a améndoa por unha beira. Non rodea a catedral, mais o seu balbordo ben se sente por este camiño que pasa polos Concheiros, San Roque, Algalia -xa plena zona monumental-, Praza de Cervantes, Preguntoiro, Caldeirería para rematar finalmente no Hórreo -rúa do Parlamento- pasando pola céntrica Praza de Galiza, o punto que divide a zona histórica da nova. En liña recta non se tarda máis de dez minutos desde a sede da Xunta, na zona norte da cidade, ata a do Parlamento, ao pé da estación de tren, os edificios representativos do poder gobernativo e lexislativo do país. 

Entre un e outro centro institucional, máis de trinta pequenos comercios pechados. Quen coñeza a cidade garda memoria dos establecementos que había nos baixos que agora exhiben o cartaz de “alúgase” ou “véndese”. Moito téxtil. Tendas tradicionais de roupa e mercería pecharon as súas portas sen substitución que se albisque. Algunhas delas eran marcas con tradición na cidade, de referencia no vestir xeración tras xeracións, e delas consérvanse aínda a pegada dos seus grandes escaparates na Caldeirería. Tamén dúas ópticas, unha tenda de electrodomésticos, unha panadería, unha de roupa de casa, unha xoiería, unha tenda de decoración, outras de produtos de coidado estético, un bazar, unha de roupa vaqueira, un quiosco, dúas farmacias e unha de alfombras, entre outras moitas. O cartaz de alúgase comezou a pendurarse desde hai anos e proliferou despois da apertura do novo centro comercial das Cancelas. E non só pendura en establecementos do pequeno comercio. Nesta particular ruta atopámolo no local que antes ocupaba Viaxes Marsans, e, xa xusto na fronte do Parlamento, no que fora sede da oficina de Promoción e Emprego do Concello de Santiago, a central do PP ou o Colexio de Aparelladores. Todos eles continúan sen se ocupar. 

Comercios orixinais que buscan unha oportunidade

En dez minutos que se tarda dunha institución a outra, ás dez da mañá dun día laborábel, atópanse dez persoas pedindo. Só dúas tocan, unha a frauta e outra o acordeón. As outras coñécense polo vaso de plástico que portan na man e polo aceno co que se dirixen ás persoas que pasan. Dous teñen diante carteis de cartón branco cunha lenda a rotulador escrita a man na que indican a necesidade que os leva a pedir. A súa beira, como pequenos fungos, agroman as tendas que buscan unha oportunidade para saíren da crise. Distínguense ben pola súa orixinalidade. Dun lado a outro, en poucos meses apareceron un establecemento con “pan da avoa”, un centro de terapias con peixes, un comercio de exquisiteces gastronómicas galegas co escaparate inzado de cocido en lata, unha tenda que personaliza babeiros e mandís ou un pequeno local que vende comida siciliana. 

No ano 2012, últimos datos que ten rexistrados a Federación Galega de Comercio, só en Santiago pecharon 185 comercios. “O problema, ao meu ver, non é tanto a apertura de centros comerciais novos senón a baixa do consumo, que leva máis de trinta meses descendendo

” anota José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio. Foi no ano 2009 a 2011 cando se sentiu un maior número de peches. O pasado ano, en toda Galiza, 2.510 establecementos pararon a súa actividade, no que, malia iso, non rexistrou un descenso do emprego tan acelerado como noutros ámbitos, o das grandes superficies, por exemplo, segundo defende a FGC. 

“A verdadeira saída que ten o pequeno comercio é a especialización e a atención personalizada” sinala Seijas, para dar unha explicación aos novos comercios que aparecen nas rúas das cidades, con deseños anovadores e distintos do comercio tradicional. Teñen constancia de que moitas persoas que quedan no desemprego reparan na posibilidade de abrir un pequeno establecemento como saída laboral mais José María Seijas mostra tamén as súas dúbidas dadas as dificultades do momento. “Compre ter un estocaxe, hai que investir comprando constantemente, e, ou tes un patrimonio do que tirar ou tes que recorrer ao financiamento e esta é unha vía moi difícil. Antes os bancos prestaban sen problema, agora moito comercio se está a afogar pola falta de financiamento” explica Seijas, indicando que só a unhas cantas persoas poderán levar a cabo a ocurrencia que as bote da fileira do desemprego. 

Comentarios