Máis de tres mil persoas esixen en Lugo a devolución íntegra dos cartos das preferentes

Percorreron a muralla de Lugo e as principais rúas da cidade cunha reivindicación que se repite en centos de actos ao longo do país: a devolución dos seus cartos investidos en preferentes. Desta volta, xuntáronse de todas as plataformas do país e sumaron máis de 3.000 persoas en Lugo, nun día de temporal que non amaina a raiba de se enfrontar á maior estafa do século.

 

“Estafados polos bancos. Expropiados polos gobernos”. Máis de tres mil persoas afectadas polo timo das preferentes dirixíronse a Lugo para participaren nunha nova manifestación nacional, promovida por todas as plataformas locais que levan xa meses protestando e protagonizando concentracións, mobilizacións e peches na maior parte das localidades galegas.

Saíron e regresaron do edifício da Xunta na Ronda da Muralla e deixaron claro en todo o percorrido que queren os seus cartos íntegros e non están dispostos a aceptar ningunha quita que rebaixe o investido nas accións preferentes.

“A quita é un roubo”, “devolución do cen por cen do aforro”, “somos aforradores, non inversores”, “anulación dos contratos, devolución dos cartos” foron algúns dos lemas que máis soaron nunha masiva manifestación que trunfou sobre a alerta vermella que pairaba sobre boa parte do país. Canda as distintas plataformas locais de persoas afectadas, artelladas en coordinadora, camiñaban representantes da Plataforma contra os desafiuzamentos que están a colaborar nas accións mútuas e comparten tamén afectados polos dous casos.

A escritora Marica Campo leu o manifesto final no que deixou a vista a única reclamación que repiten os milleiros de afectados: a devolución íntegra dos cartos que lle son propios. “Era unha xigantesca estafa organizada desde os escuros despachos das antigas caixas de Aforros e consentido pola lei e por sucesivos gobernos do estado” diso a escritora no discurso no que deixou claro que os milleiros de persoas afectadas non estaban dispostas a se render. “Nunca máis preferentes”, Nunca máis subordinadas! Nunca máis un goberno que non defenda a súa xente” dicía o manifesto na súa conclusión.

A tensión que soportan as persoas que levan xa meses reclamando os seus cartos deixouse sentir tamén en Lugo onde dúas afectadas, unha muller de O Grove e un home do Baixo Miño tiveron que recibir atención médica no transcurso da manifestación.

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, participou na manifestación e denunciou que a Xunta usou a arbitraxe so para “apaciguar os ánimos” antes da campaña electoral para despois paralizala. Reclamou unha saída global para os milleiros de persoas afectadas e instou tamén a Feijóo a impugnar o Plan de Reestructuración de Nova Galicia Banco que permite “expropiar” os cartos das persoas aforradoras.

Criticou que a saída que neste momento se lle pon sobre a mesa ás afectadas é impoñer unha qué a de impoñer unha quita de até o 70 por cento dos cartos investidos e abonar o que resta como accións. “accións que no caso dos que suscribiron as preferentes coas antigas caixas galegas non poderán vender porque Nova Galicia Banco está intervida” sinalou. “É o mundo ao revés pretender devolver parte dos cartos para capitalizar as entidades que os estafou” engadiu o portavoz nacionalista.

A FRUGA tomou parte tamén na protesta e manifestou a través dun comunicado que a estafa das preferentes está a afectar tamén a moitas explotacións agrarias xa que unha parte das persoas afectadas teñen no campo a súa actividade laboral. “A recuperación destes aforros faise imprescindíbel para asegurar a continuidade de moitas das nosas granxas e para facer fronte aos pagamentos que se ven obrigados a enfrentar”, sinalan.

Comentarios